jueves, 27 de noviembre de 2008

20081126 Páxina web

RIBADEO ESTREA PÁXINA WEB NA QUE OS CIDADÁNS ATOPARÁN INFORMACIÓN INSTITUCIONAL, DATOS SOBRE O TERRITORIO E SERÁ ADEMÁIS, EN PALABRAS DO ALCALDE, UNHA CANLE DIRECTA COS VECIÑOS.
Ribadeo, 26 de novembro de 2008. O salón de plenos acolleu esta mañá a presentación da nova páxina web do Concello de Ribadeo que segundo o alcalde, Fernando Suárez "era unha asignatura pendente que tiñamos desde hai moito tempo coas novas tecnoloxías. Levabamos xa unha serie de meses traballando na concepción desta nova páxina que é absolutamente diferente á que desde hai 10 ou 11 anos estaba colgada en internet".
O rexedor asegurou que "a páxina é substituida desde unha perspectiva de modernidade, de axuda á cidadanía e coa intención de crear unha ventá ao mundo desde Ribadeo a través do ciberespacio. Aproveitamos o financiamento a través do programa Cidadanía Dixital, grazas ás aportacións da Consellería de Innovación e Industria e do Ministerio de Industria que supoñen o 70% do custe total da páxina web que ascende a 12.000 euros". Fernando Suárez dixo que "perseguimos acadar un equilibrio, unha dualidade entre institución e oferta turística. Queremos lograr dous obxectivos: que sexa útil para a poboación e que serva coma carta de presentación para todos aqueles que ainda non coñecen Ribadeo ou que queren saber máis de nós. Así poderán acceder a toda esa información".
Novidades multimedia
A páxina web www.ribadeo.org está dividida en tres grandes partes, segundo explica o rexedor, "unha primeira parte institucional na que os cidadáns poderán descargar as actas dos plenos, das comisións informativas, das comisións de goberno… poderán descargar o son dos plenos en formato mp3, vánse poder facer trámites por internet, algo que ata o de agora non era posible. A segunda parte da páxina está adicada ao coñecemento do territorio e dos seus recursos. Poden atoparse datos de historia, patrimonio natural, xeografía, economía, turismo, rutas e unha serie de cuestións multimedia con descarga de diversos servizos que ofrecerán un sistema novo de información turística móvil que dentro de pouco presentaremos. E a terceira parte ten vocación de ser unha canle de comunicación directa coa cidadanía. Aí poderán atopar información das liñas de traballo e das políticas levadas adiante desde o goberno e desde a Corporación Municipal e onde lles daremos visibilidade ás asociacións e aos colectivos do Concello".
Tres idiomas
Suárez Barcia definía esta páxina web como innovadora "en canto a formato, en canto a logotipo do Concello. Preséntase en tres idiomas: galego e español para todos os contidos e tamén en inglés para os contidos estáticos da mesma. Seguramente lle quedarán algunhas erratas que iremos solventando ao longo dos vindeiros días e tamén queremos ser sensibles ás aportacións que os veciños nos poidan facer".
FERNANDO PÁXINA WEB - Share on Ovi

miércoles, 26 de noviembre de 2008

20081120 Observatorio astronómico

A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA ESTUDIARÁ A VINDEIRA SEMANA A PROGRAMACIÓN QUE LEVARÁ ADIANTE NO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE RIBADEO.
Ribadeo, 20 de novembro de 2008. A Universidade de Santiago de Compostela estudiará a vindeira semana a programación que levará adiante no observatorio astronómico de Ribadeo, segundo ven de anunciar o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro. O edil nacionalista di que "onte mantiven unha conversa co director do observatorio astronómicoa Ramón Mª Aller da Universidade de Santiago e José Angel Docobo ofrecéuse a participar co Concello nunha programación sobre temas astronómicos. Segundo me dixo ao vicerrector da Universidade a idea parécelle interesante e a vindeira semana manterán un encontro para analizar esta posibilidade e as actividades a levar adiante". Horacio Cupeiro asegura que "no Concello parecéunos moi interesante a proposta dado que o 2009 foi declarado pola UNESCO coma Ano Internacional da Astronomía".
O responsable de Medio Ambiente sinala que "con estas actividades que consistirán en obradoiros para persoas maiores e para nenos o que tentaremos será potenciar a imaxe da Casa da Ría. Buscámoslle unha aplicación a pesares de todas as deficiencias que temos coa agua, pero consideramos que desde o punto de visto astronómico non haberá inconvintes xa que non é alí no observatorio onde temos problemas senón que é na aula de interpretación onde se rexistran esas filtracións de auga cando chove. No resto do edificio non hai problemas".
HORACIO ASTRONOMIA - Share on Ovi

20081124 Servizo de podoloxía

O CONCELLO PON EN MARCHA DE XEITO EXPERIMENTAL UN SERVIZO DE PODOLOXÍA A DOMICILIO PARA PERSOAS MAIORES DEPENDENTES.
Ribadeo, 24 de novembro de 2008. O Concello de Ribadeo pon en marcha de xeito experimental un servizo de podoloxía a domicilio para persoas maiores dependentes "coa intención de atender as doenzas tan propias desas idades", segundo explica o alcalde, Fernando Suárez. A partires de hoxe "informamos aos potenciais usuarios que si alguén desexa contar con este servizo só ten que dirixirse aos Servizos Sociais do noso Concello ubicados no Auditorio Municiapal ou chamando por teléfono ao 982 120 808" engade o rexedor. Suárez Barcia di que "esta primeira remesa de posibles usuarios deste servizo innovador e pioneiro na zona faráse de xeito totalmente gratuito e despois dependerá do número de demandantes. O que tentaremos será facela unha ou dous veces ao ano". Pola súa banda o responsable dos Servizos Sociais, José Luis Gegunde, lembra que "se trata dun servizo que non é barato, ainda que nós este ano imos facer un esforzo económico para prestalo de xeito gratuito. Chegaremos a un número importante de domicilios porque fixemos un primeiro sondeo entre os usuarios da axuda no fogar e están todos encantados con esta posibilidade".
O Concello tamén organizará un curso de formación para coidadores de persoas maiores dependentes, segundo anunciaba tamén nesta xornada o alcalde, Fernando Suárez que dixo que "está destiñado a todos aqueles que cuidan nos seus domicilios dos seus pais, dos seus ascendentes e que se atopan con dificultades á hora de poder movelos. Será un fisioterapeuta o que dará pautas de cómo se debe tratar e mover a esta xente maior. Eso tamén está un pouco a expensas do nº de demandantes que poida ter. Tamén neste caso os interesados deben poñerse en contacto cos nosos Servizos Sociais".
José Luis Gegunde sinala que "eses familiares non nos contan directamente as dificultades coas que se atopan senón que lles escoita dicir que teñen problemas para mover a estas persoas dependentes, para bañalas… víamos claramente que demandaban algo neste sentido. Esas pautas que recibirán implicarán máis comodidade para os coidadores e máis benestar para os dependentes".

Ribadeo: un referente
Fernando Suárez engade que "Ribadeo é un referente desde hai tempo na prestación de servizos sociais. Uns foron ampliándose ou mellorándose desde que chegamos ao Concello e outros foron creándose neste ano e medio. Por exemplo en axuda a domicilio contamos con 10 profesionais que duplican ás que estaban prestando o servizo hai dezaoito meses, o que implica un incremento no número de domicilios atendidos e que ronda na actualidade os 90". En Ribadeo hai ademáis 200 persoas que disfrutan do servizo de teleasistencia domiciliaria; as prazas do centro de día que xestionan a Xunta e o Concello están prácticamente cubertas a hai 40 usuarios que empregan o servizo de Xantar sobre rodas que comenzou a funcionar hai uns meses. O rexedor lembra que "hai uns días aprobamos un regulamento de réxime interno para o Hospital Asilo que mellorará a xestión e o servizo que se presta aos residentes nesas instalacións".
FERNANDO PODOLOXÍA - Share on Ovi
JOSELU PODOLOXÍA - Share on Ovi

martes, 25 de noviembre de 2008

20081125 aparcadoiro subterráneo

O ALCALDE ACATA PERO NON COMPARTE A DECISIÓN DE PATRIMONIO DE REXEITAR O PROXECTO PARA CREAR UN APARCADOIRO SOTERRADO EN RIBADEO.
Ribadeo, 25 de novembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, referíuse esta tarde á comunicación de Patrimonio na que se desestima o recurso de alzada presentado polo Concello para a construcción dun aparcadoiro soterrado. O rexedor di que "Patrimonio entende que non debe entrar no fondo da autorización en tanto Ribadeo non se dote dun instrumento de planificación urbanística do casco vello, como é un PEPRI".
Suárez Barcia sinala que "eu como alcalde e goberno municipal acato esta desestimación dese recurso ainda que non a comparto, porque me chama a atención que Patrimonio non tivera tantos remilgos en aprobar ou considerar válido darlle luz verde ao mirador da Atalaia porque eso tamén constitúe un incremento de volumen". O alcalde engade que "en todo caso este aparcadoiro soterrado entendíamos que tampouco tiña ningún problema tendo un arqueólogo que puidera supervisar a execución das obra. De todos os xeitos todo o que se faga no casco vello desde anos depende do informe favorable de Patrimonio e pouco podemos facer, máis que aplicarnos o conto e aprobar entre todos un PEPRI canto antes. Para eso é fundamental que a Consellería de Política Territorial nos financie a redacción dese documento, que senón me equivoco dentro de moi poucos días poderei ofrecer noticias positivas a este respecto".
FERNANDO PATRIMONIO - Share on Ovi

sábado, 15 de noviembre de 2008

20081114 Camión incendios

RIBADEO RECIBIU HOXE O SEU NOVO CAMIÓN PARA A EXTINCIÓN DE INCENDIOS QUE SUPUXO UN INVESTIMENTO DE 180.000 EUROS.
Ribadeo, 14 de novembro de 2008. Ribadeo recibiu hoxe o seu novo camión para a extinción de incendios nun acto no que se deron cita a directora xeral de Protección Civil, Esther González; o delegado provincial de Medio Rural, Emilio López; o delegado provincial de Presidencia, Luis Rodríguez Edrosa e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor asegura que "este camión que é un híbrido servirá non só para os posibles continxentes no ámbito urbano senón tamén para os núcleos rurais do concello. Estou orgulloso deste vehículo que é un dos mellores do país e desde logo da comarca atrévome a dicir que é do mellor que pode haber". Fernando Suárez engade que "a cisterna ten capacidade para 4.000 litros de auga, é un camión potente, moderno, ten unha presión enorme para lanzar a auga e vai servir non só para as continxencias de aquí senón tamén para limpar tuberías e tajeas que cando choven se atascan… vai ser moi operativo e substituirá a un que tiña o Concello desde hai moitos anos cunha fiabilidade escasa e con problemas como nos ten dado non hai moito tempo cando se parou ao chegar a un incendio e tivemos que botar man do outro camión máis pequeno que temos que tamén é novo pero que ten unha capacidade limitada".
Entidade sobrada
O alcalde de Ribadeo di que este novo camión "vai ofrecer seguridade aos veciños e veciñas deste concello ainda que como digo moitas veces, Ribadeo non vai ser alleo ao parque comarcal de bombeiros de Barreiros cando esteña listo, porque descoñezo cando vai ser. Ribadeo formará parte dese parque e beneficiarase dos recursos que alí teñan, pero Ribadeo ten entidade sobrada, ten 10.000 habitantes e está nunha extremeira e polo tanto debe seguir tendo vehículos propios que sexan atendidos polo GRUMIR ou en todo caso polos conductores municipais sin perxuizo de que esteamos no parque de bombeiros".
Fernando Suárez agradeceu o esforzo inversor realizado pola Xunta neste camión que supón un custe de 180.000 euros "dos que 110.000 son aportados pola Dirección Xeral de Protección Civil e 40.000 por Medio Rural. Os 30.000 restantes son aportados polo Concello con fondos propios. Será un vehículo que quedará a disposición de Ribadeo e dos concellos colindantes en circunstancias de emerxencia que así o requiran".
FERNANDO INCENDIOS - Share on Ovi

20081114 Viaxe a Allariz

O CIM ORGANIZA UNHA VIAXE A ALLARIZ OS DÍAS 29 E 30 DE NOVEMBRO QUE INCLÚE UNHA VISITA ÁS TERMAS DA CHABASQUEIRA EN OURENSE.
Ribadeo, 14 de novembro de 2008. O Centro de Información á Muller de Ribadeo organiza unha viaxe a Allariz os días 29 e 30 de novembro que inclúe unha visita ás termas da Chabasqueira en Ourense, segundo anunciou hoxe a concelleira da Muller, Mariluz Álvarez Lastra. A edil nacionalista informa que "o prazo de preinscripción para apuntarse será do 20 ao 26 de novembro de oito e media da mañá a tres da tarde nos locais do CIM ou chamando por teléfono ao 982 120 739". En total ofértanse 50 prazas "das que o 60% se destiñan aos veciños da vila de Ribadeo e o 40% para os do medio rural, o cal non quere dicir que si despois hai prazas que non se ocupan duns ou doutros que non poida haber un trasvase de persoas. O prezo da viaxe, que inclúe a estancia, as comidas e as entradas aos centros que alí visitemos é de 60 euros que haberá que pagar no momento de inscribirse", engade Álvarez Lastra.
Ribadeo Muller
Desta actividade informa tamén o 5º boletín Ribadeo Muller que estes días se está a repartir entre as mulleres do municipio. Neste número, segundo conta a concelleira da Muller, "adícase un artículo ao deporte feminino no que se fala do fútbol sala, do atletismo… trátase dunha posta en valor dos deportes nos que participan as mulleres do noso concello. Seguimos con seccións permanentes coma a asesoría xurídica que nesta ocasión se ocupa do fondo de garantía do pagamento dos alimentos. Tamén se da información sobre os bonos de axuda para a asistencia ás ludotecas con detalles de cómo teñen que facer as interesadas, das persoas que poden adquirilos". Mariluz Álvarez Lastra di que "este boletín informativo recolle tanto as temáticas sociais nas que traballa o Concello de Ribadeo coma as actividades realizadas nos últimos meses e as previstas para os vindeiros días, coma esta viaxe a Allariz".
MARILUZ BOLETIN - Share on Ovi

viernes, 14 de noviembre de 2008

20081113 Taxas+ urbanismo

O EQUIPO DE GOBERNO PROPORÁ NO PLENO DA VINDEIRA SEMANA APLICÁRLLELA ACTUALIZACIÓN DO IPC ÁS TAXAS MUNICIPAIS PARA 2009.
Ribadeo, 13 de novembro de 2009. Na comisión informativa de facenda e contas prevista para esta tarde no Concello de Ribadeo veráse a modificación das ordenanzas fiscais para 2009. Segundo anuncia, o edil Vicente Castro, "ás taxas váiselles aplicar a actualización do IPC interanual. Entendemos que dada a situación económica do Concello é un exercizo de responsabilidade manter das taxas actualizadas para evitar que ocorra o que pasou en exercizos anteriores cando houbo que facer algunhas subidas drásticas nalgúns servizo">.
Castro engade que "ainda que algunha das taxas e dos servizos que se prestan tiñan que subir por enriba do IPC desde o goberno municipal entendemos que a situación económica actual é difícil e polo tanto decidimos proponer exclusivamente a actualización do IPC".
Na comisión de facenda tamén se analizará esta tarde a conta xeral do exercizo de 2007; o regulamento de réxime interior do Hospital Asilo e a ordenanza de aproveitamento especial do dominio público local en favor das empresas explotadoras de servizos de suministros de interés xeral.
Urbanismo e asuntos xerais
Por outra banda, na comisión informativa de urbanismo e obras veráse a aprobación definitiva do expediente de expropiación de terreos para o aparcadoiro de Os Castros-Illas na Devesa e a proposta ao pleno do Concello sobre o acceso ao centro urbano de Ribadeo desde a A-8, entre outros temas. E na comisión informativa de asuntos e servizos xerais váise analizar a homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo no cabodano do seu pasamento, o acordó de incorporación á asociación Villas Marineras e a adhesión á Carta Europea para a igualdade entre mulleres e homes na vida local segundo a proposta do Consello de Municipios e Rexións de Europa e a FEMP.
VICENTE TAXAS - Share on Ovi

2008111 Barredora

HORACIO CUPEIRO ASEGURA QUE A BARREDORA DE RIBADEO ESTARÁ ARRANXADA E LIMPANDO AS RÚAS DE NOVO, EN BREVE.
Ribadeo, 12 de novembro de 2008. A delegación de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo está á espera de recibir as pezas necesarias para arranxar a barredora que se atopa avariada desde o pasado sábado. Segundo explica Horacio Cupeiro "ese día o traballador que ía coa barredora sofría un desvanecemento e o vehículo chocaba contra un camión que estaba aparcado na rúa".
O edil nacionalista engade que "a barredora ten pequenos desperfectos coma a rotura do parabrisas, os cristais da parte de atrás do habitáculo destiñado ao conductor e tamén na caixa onde van asentados os rodillos". Horacio Cupeiro asegura que "a barredora está en proceso de reparación e está parada por este motivo, por eso lles pido comprensión aos veciños de Ribadeo. Estamos á espera de recibir as pezas necesarias para que poida voltar a traballar con normalidade".
HORACIO BARREDORA - Share on Ovi

20081112 Contabilidade

A CONTA XERAL DE 2007 PECHÓUSE CUN SALDO NEGATIVO DE 193.000 EUROS, SEGUNDO OS DATOS FACILITADOS POLO CONCELLEIRO DE ECONOMÍA E FACENDA. UNHA CIFRA QUE MELLORA SUSTANCIALMENTE A DO 2006 CANDO ESE SALDO NEGATIVO CHEGOU AOS 411.000 EUROS.
Ribadeo, 12 de novembro de 2008. No pleno da vindeira semana no Concello de Ribadeo someteráse a aprobación a conta xeral do exercizo de 2007 "a primeira do actual equipo de goberno desde que chegou ao Concello", segundo puntualiza o concelleiro de Economía e Facenda, Vicente Castro. O resultado antes de axustes é de 32.000 euros en positivo e despois dos axustes e desviacións correspondentes da un saldo negativo de 193.000 euros. Castro di que "si comparamos estes datos cos do exercizo de 2006, esa conta antes de axustes presentaba un saldo de menos 374.000 euros e despois de axustes de menos 411.000 euros".
O edil nacionalista explica que "as desviacións negativas son os gastos realizados e non cobrados durante o exercizo en cuestión e as desviacións positivas son os gastos cobrados e non gastados no exercizo en curso. Entón aplicadas estas desviacións a conta de 2007 arroxa un saldo negativo de 193.000 euros, e esto ven dado por algunha partida que chegou a finais de ano de desviación positiva como é o caso do PDT complementario polo que se ingresaron 250.000 euros antes de rematado o ano e non se executou nada no 2007, senón que se está a executar neste ano e no vindeiro".
Cambio de tendencia
Vicente Castro considera que "o resultado da conta ainda que non sexa unha grande mellora supón un cambio de tendencia e sobre todo tendo en conta o pouco período de tempo no que se puido incidir nela no exercizo pasado e que contamos seguir mellorando nos exercizos seguintes".
O responsable de Economía e Facenda engade que "o resultado do remanente negativo acumulado de 2007 supón 656.000 euros fronte aos 668.000 do exercizo de 2006. Tampouco este dato supón unha grande mellora, pero sí se da unha variación en positivo. Hai que ter en conta que neste resultado do remanente negativo inflúe o mesmo que dicía antes… as desviacións positivas de gasto cobrado e non realizado que é o referente ao PDT complementario. Sin él o resultado do remanente negativo quedaría en 400.000 euros e melloraría sustancialmente a conta con respecto ao ano anterior".
Vicente Castro cre que "esa é a tendencia que temos que seguir levando adiante desde a delegación de Facenda mellorando ano tras ano. Temos que buscar o equilibrio financiero entre ingresos e gastos para poder facer fronte, por exemplo, aos pagos a proveedores cunha periodicidade máis curta que na actualidade. Esa é a tendencia e a liña que levaremos adiante nos vindeiros anos".
VICENTE CONTA 2007 - Share on Ovi

martes, 11 de noviembre de 2008

20081111 Asilo e telefonía móbil

O CONCELLO PORÁ EN MARCHA UN REGULAMENTO INTERIOR DO HOSPITAL ASILO QUE LLE PERMITIRÁ ACCEDER A AXUDAS DA XUNTA PARA MELLORAR A SÚA SITUACIÓN ECONÓMICA.
Ribadeo, 11 de novembro de 2008. No vindeiro pleno do Concello someteráse a aprobación inicial o regulamento de réxime interior do Hospital Asilo, prezo público e modelo de contrato de servizo de ditas instalacións. O rexedor, Fernando Suárez, asegura que se trata "de regularizar unha situación que ao longo do tempo non estivo ben regulada e a día de hoxe esta entidade benéfica xestionada por unha congregación relixiosa ten máis gastos que ingresos e trátase de que este déficit que se vai incrementando ano tras ano non poña en perigo o servizo".
O alcalde sinala que "pretendemos que o Asilo teña unha autonomía financieira para seguir prestando o servizo e en todo caso mellorando o servizo que debe prestar. Queremos crear un regulamento de dereitos e de obrigas dos usuarios que non existía ata o de agora; queremos regulalo a través dun contrato de servizos que tampoco existía e con esta regulación o Hospital Asilo podería pedir subvencións á Xunta, en concreto a Vicepresidencia xa que ata o de agora non era posible, e os usuarios tamén poderían ser obxecto desas axudas".
Ordenanza telefonía móvil
Na vindeira sesión plenaria tamén se verá a denominada ordenanza de aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de suministros de interés xeral. Fernando Suárez asegura que "pretendemos que as compañías de telefonía móvil que están a operar no noso territorio paguen por elo. Non é xusto… moitas das chamadas son de móvil a móvil, pero tamén hai moitas de móvil a fixo, polo tanto para chamar de móvil a fixo estáse a utilizar o subsolo por onde pasan as redes de comunicación e a día de hoxe as empresas que operan con telefonía fixa sí que pagan aos Concellos por esta ocupación do subsolo municipal. As empresas de telefonía móvil tamén empregan o subsolo para operar de móvil a fixo e é polo que creamos esta ordenanza coa que pretendemos gravar dunha maneira simbólica primeiro e para que non sexa inxusto que as de fixa paguen e as de móvil non".
O alcalde ribadense di que "unha serie de Concellos hai un tempo en Cataluña iniciaron este modo de gravar mediante estas ordenanzas que foi recurrido por varias operadoras, pero houbo unha serie de sentencias dándolle a razón ao Concello de que se axustaban a dereito este tipo de normativas. Hai algún Concello na nosa comunidade autónoma que o está a levar adiante e nós por suposto tamén porque nos parece do máis progresista facer esto". Fernando Suárez conta "con que a ordenanza vaia para adiante. Non se trata de ir contra os usuarios senón de que paguen as empresas polo aproveitamento do subsolo que noutro tipo de servizos xa o están pagando agora".
FERNANDO ASILO - Share on Ovi

20081111 Chabola e piso

O CONCELLO DE RIBADEO COMPRARÁ UN PISO COA AXUDA DA CONSELLERÍA DE VIVENDA PARA ERRADICAR A ÚLTIMA CHABOLA QUE QUEDA NA VILA.
Ribadeo, 11 de novembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lembra que "en Ribadeo existe un único caso de chabolismo dunha familia xitana que se erradicará si prospera esta iniciativa". O Concello adquirirá un piso por 100.000 euros "acolléndose a unha partida importante que ten a Consellería de Vivenda para erradicar o chabolismo á que non quixemos ser alleos. Vivenda aportará 80.000 euros a fondo perdido que o Concello terá que suplementar con outros 20.000 euros pero en réximen de aluguer, de tal maneira que unha vez adquirida esa vivenda si esa familia se integra e os informes dos Servizos Sociais así o demostran tería que pagar durante un período duns dous anos un aluguer pola ocupación da vivenda e transcurrido ese prazo teríalle que devolver os 20.000 euros que o Concello lle anticipou. Senón é así deberán abandoar a vivenda>.
O rexedor engade que "se trata dunha práctica que existe noutras comunidades autónomas e que tamén se fixo noutros concellos do país e que agora así queremos dar carpetazo e eliminar a última chabola que existe en Ribadeo. Si esto vai para adiante e si hai ofertas coma temos publicitado no Diario Oficial de Galicia para adquirir esta vivenda cunha aportación do 80% por parte de Vivenda e do 20% como anticipo do Concello que despois terános que ser reintegrado pola propia familia, pois no momento do cambio de vivenda procederemos a demoler a chabola existente".

jueves, 6 de noviembre de 2008

20081106 demolición de vivenda

FERNANDO SUÁREZ ORDENOU DEMOLER PARTE DA VIVENDA QUE SE CAEU HAI UNS DÍAS NA RÚA ANTONIO OTERO PARA EVITAR QUE POIDA SUPOÑER UN PROBLEMA DE SEGURIDADE PÚBLICA.
Ribadeo, 6 de novembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que "días despois de que esta vivenda da rúa Antonio Otero, parte dela, se viñera abaixo e despois de averiguar a propiedade do inmoble que resultou ser da propia moradora que habitaba nel ainda que nunhas circunstancias moi pouco axeitadas… eu como alcalde, e en uso da lexislación que nos ampara para adoptar as medidas pertinentes en materia de seguridade pública para evitar males maiores, din instruccións hoxe para que baixo a supervisión dos técnicos municipais se proceda a demoler parte dese inmoble". O rexedor di que se trata "da cuberta que quedou en pé e parte da parede medianeira e da fachada para non se vaia caer con este tempo que temos e vaia estropear as vivendas que ten ao lado. Unha delas, a da parte de abaixo, é propiedade da Xunta que está en fase de licitación para rehabilitar e a da parte de arriba é unha vivenda perfectamente rehabilitada desde hai poucos meses e os seus propietarios non teñen porque estar preocupados".
Fernando Suárez engade que "agora nestes días faremos as operacións pertinentes que os técnicos determinen de cara a estabilizar esta situación e logo o Concello terá que resarcirse destes gastos que lle está a ocasionar esta operación de cumprir coa seguridade pública. A propiedade deberá facer fronte a estes gastos en efectivo ou contra o seu patrimonio".
FERNANDO VIVENDA - Share on Ovi

20081104 Desprendemento sobre nave en Mirasol

UNHA NOVA LINGUA DE TERRA DEIXA INSERVIBLE OUTRA NAVE NO PORTO COMERCIAL DE RIBADEO.
Ribadeo, 4 de novembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que as choivas destes días ocasionaron danos nas estradas "de titularidade municipal, nas da Deputación e nas da Xunta. Hai arribadas de terra e gavias que se desbordan, pero o máis triste está no porto comercial de Mirasol".
O rexedor di que "si anteonte unha lingua de terra lle afectaba a unha nave, hoxe ás oito da mañá un novo desprendemento, unha nova lingua de terra fixo prácticamente inservible doutra nave anexa adicada á reparación e venda de motores de embarcacións". Fernando Suárez engade que "está previsto que o presidente de Portos de Galicia veña pola tarde a supervisar o que pasou, pero agora o que procede, e así me consta que Portos está nesa idea tamén, é facer o necesario para estabilizar ese talude para que non siga desprendéndose máis e darlle unha ubicación transitoria a esta xente para que poidan seguir a desenvolver a súa actividade, xa que estas naves eran propiedade de Portos".
FERNANDO TEMPORAL - Share on Ovi

20081104 Licitación Polígono industrial

A SEPES VEN DE LICITAR AS OBRAS DE URBANIZACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL. O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ, AMÓSASE MOI SATISFEITO POR ESTE ANUNCIO.
Ribadeo, 4 de novembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase moi satisfeito "vendo como discorre a tramitación administrativa para a execución das obras do polígono industrial". O rexedor considera que "si hai uns días todos nos congratulamos cando SEPES daba luz verde a este polígono pois agora xa podemos ver como SEPES ten xa todo este proceso en licitación pública, de tal xeito que todas as promotoras que queiran participar no concurso desta obra teñen de prazo ata o 22 de decembro de 2008 para presentar as súas ofertas económicas".
Fernando Suárez engade que "o propio SEPES abrirá as proposicións económicas o 27 de xaneiro de 2009 mantendo eses prazos de referencia dos que falamos hai uns días de que entorno á primavera de 2009 as obras poidan estar en execución, a xulgar por como están indo de rápido os prazos administrativos".
O rexedor de Ribadeo lembra que "se trata dunha inversión de preto de 6 millóns de euros e que desde logo estou convencido de que vai supoñer un paso adiante firme no que é a economía productiva do noso concello".
FERNANDO LICITACIÓN - Share on Ovi

miércoles, 5 de noviembre de 2008

20081105 Teatro para nenos

O DOMINGO HABERÁ TEATRO PARA NENOS EN RIBADEO

Ribadeo, 5 de novembro de 2008. O domingo 9 de novembro ás cinco e media da tarde a compañía Teatro del Andamio porá en escea a obra O monstro do Castelo, dirixida por Álvaro Guevara. Un espectáculo que se enmarca dentro da programación cultural do Concello de Ribadeo para o último trimestre do ano e que está dirixido para nenos e nenas e as súas familias.
A representación será no Auditorio Municipal Hernán Naval e o prezo da entrada será de 2 euros.

20081105 IV Escola Fermín Penzol

RIBADEO ACOLLE OS DÍAS 7 E 8 DE NOVEMBRO A 4ª ESCOLA FERMÍN PENZOL.
Ribadeo, 5 de novembro de 2008. O Auditorio Municipal de Ribadeo acollerá os días 7 e 8 de novembro a 4ª edición da Escola Fermín Penzol que organiza a Universidade de Vigo coa colaboración do Concello de Ribadeo e a Asociación Cultural Santirso del Eo.
As xornadas serán inauguradas o venres ás cinco da tarde polo rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez e polo coordenador da Escola Fermín Penzol, Xosé Henrique Costas. A conferencia inaugural será pronunciada ás cinco e media da tarde por Suso F.Acevedo e versará sobre Historia e escolma da prosa Eo-Naviae despois presentaráse o libro A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa do Eo-Navia. Ás seis e media da tarde haberá un recital de poetas de Galiza e da terra Eo-Navia no que participarán Aurora G.Rivas, Lucía Iglesias, Quique de Roxíos, Belén Rico Prieto, Xavier Xil Xardón, Anxo Ratel, Silvia Penas, Eva Moreda e Isaac Subín. Xa para as oito está prevista a representación teatral de A casa de Bernarda Alba pola Escola de Teatro de Ribadeo.
O sábado a xornada dará comenzo ás nove e media da mañá coa conferencia O teatro no Eo-Navia, a cargo de Rita Bugallo. Ás dez e meida será a segunda charla do día que pronunicará Carlos X.Varela Aenlle sobre Fotografías antigas do Eo-Navia. Para as doce está prevista unha mesa redonda sobre Presente e futuro da música tradicional en Galicia e no Occidente de Asturias na que intervirán Abel Pérez Méndez, director da Escola de Música Tradicional de Santirso de Abres e Xaquín Xesteira, membro de Treixadura Gaiteiros e profesor de gaita na Universidade Popular de Vigo. Á unha e media terá lugar unha homenaxe musical e literaria da Escola Fermín Penzol no cemiterio de Castropol; ás catro e media visita guiada polas terras do Eo-Navia e ás nove da noite castañada popular en Teixois, en Taramundi.

20081105 Demolición de nave

MAÑÁ PODERÍAN DAR COMENZO OS TRABALLOS DE DEMOLICIÓN DA NAVE MÁIS AFECTADA POLO TALUDE DE TERRA QUE ONTE LLE CAUE ENRIBA NO PORTO COMERCIAL DE RIBADEO.
Ribadeo, 5 de novembro de 2008. O enxeñeiro xefe da zona norte de Portos de Galicia estivo toda a xornada en Ribadeo "analizando e dando instruccións para iniciar primeiro as tarefas de estabilización dese talude e despois a partires de mañá se empezará a demoler a nave máis afectada, a de Náutica Ribadeo, porque é a que máis perigo presenta agora. A outra nave, a de Seivane, váise estabilizar temporalmente e despois tamén será demolida, tal e como anunciaba onte Jacinto Parga na visita que cursou a Ribadeo", segundo explica o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor valora "de xeito moi positivo a celeridade coa que está a actualr Portos de Galicia e o lugar transitorio que se está a buscar para que esas empresas poidan seguir traballando".
Danos nas parroquias
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, supervisou hoxe os danos ocasionados polo temporal nas parroquias. As máis afectadas foron as de Arante, Covelas e A Devesa. O rexedor asegura que "todas as parroquias teñen problemas en viais municipais, provinciais ou de titularidade autonómica. Onte xa a brigada de obras acudiu aos puntos máis afectados para sacar as augas que fluían por enriba da calzada e xa onte e tamén hoxe os técnicos municipais están a avaliar os danos causados e as situacións que se produciron estes días para pedir despois axudas á Xunta e á Deputación de Lugo".
FERNANDO PARROQUIAS - Share on Ovi
FERNANDO TÉCNICOS PORTOS - Share on Ovi

lunes, 3 de noviembre de 2008

20081031 Obras en centros educativos

O ALCALDE ESTÁ DISPOSTO A COLABORAR COA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN NA BUSCA DE FINANCIAMENTO PARA ACOMETER DIVERSAS OBRAS NO CEIP GREGORIO SANZ.
Ribadeo, 31 de outubro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ofrecéuse esta mañá "para colaborar na busca de financiamento para axudar a mellorar o CEIP Gregorio Sanz" que esta mañá foi visitado polo delegado provincial de Educación, Luis Manuel Álvarez. Unha visita "que se enmarca dentro da intención do delegado de ir vendo diferentes centros da provincia e nesta parada tocóulle a Ribadeo, visita da que lle estou francamente agradecido", engade o rexedor.
Fernando Suárez asegura que "se lle pediron unha serie de actuacións que a Consellería de Educación debe abordar a ser posible neste ano 2009. Neste centro, como tódolos centros públicos, o Concello fai labores de mantemento, coma o pago da luz e da limpeza e do propio bedel, pero precisa, xa que é un referente, que se lle dea unha volta no ámbito das infraestructuras a nivel do que debe ser un centro da época na que estamos. É un centro que xa ten uns 30 anos e que precisa dalgunhas operación importantes de cara a mellorar a súa infraestructura". O alcalde engade que "o delegado quedou en facer unha valoración global para logo ir investindo en varias fases ou anualidades".
FERNANDO COLEXIO - Share on Ovi

20081031 Curso de Comercio Electrónico

O TELECENTRO DE RIBADEO ACOLLERÁ A PARTIRES DO 12 DE NOVEMBRO UN CURSO DE COMERCIO ELECTRÓNICO.
Ribadeo, 31 de outubro de 2008. O Telecentro de Ribadeo acollerá a partires do 12 de novembro un curso de comercio electrónico para coñecer e manexar as opcións que ofrece a rede de cara ao intercambio comercial. No curso que se prolongará ata o 17 de decembro abordaránse aspectos coma datos estadísticos e estudios de mercado existentes; sistemas e procesos de pago; procesos de compra; a importancia da loxística; as claves do éxito e os problemas máis frecuentes que nos poden xurdir.
O curso desenvolveráse no Telecentro de Ribadeo de luns a xoves de 19:00 a 21:00 horas. Os interesados en participar poden inscribirse na páxina web: www.rededinamizacion.eu no apartado de cursos de formación, ou achegándose ás instalacións do propio Telecentro.
Dito curso forma parte da programación para os meses de novembro e decembro prevista pola Rede de Dinamización da Sociedade da Información que oferta en total 300 horas de formación sobre aplicación de software libre en diversos puntos da xeografía galega, entre os que se atopa Ribadeo.
 
Free counter and web stats