viernes, 29 de agosto de 2008

20080825 contedores Rinlo

RINLO ESTREA ESTES DÍAS CONTEDORES SOTERRADOS PARA A RECOLLIDA DO LIXO, O VIDRO E O CARTÓN.
Ribadeo, 25 de agosto de 2008. Rinlo estrea estes días contedores soterrados para a recollida do lixo "son tres de orgánico, 3 de selectiva, 1 de vidro e 1 de cartón que están ubicados no porto", segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, que engade que "trátase de velar pola imaxe deste pobo ribadense ao ser un punto emblemático desde o punto de vista turístico".
Esta actuación non supuxo ningún desembolso para o Concello de Ribadeo "a pesares de que o investimento realizado ascende a uns 30.000 euros", segue a contar Cupeiro. O edil nacionalista de Medio Ambiente anuncia que "o Concello está a estudar a instalación de máis contedores soterrados noutros lugares de Ribadeo. Os de Rinlo son os segundos cos que conta o municipio".
Horacio Cupeiro agarda que "os rinlegos saiban apreciar esta xestión e tamén que fagan un bó uso dos contedores que están ubicados nun punto estratéxico de Rinlo coma é o paseo marítimo. Aproveito a ocasión para invitar aos veciños do Concello a que depositen o lixo de xeito selectivo xa que é unha boa maneira de defender que os ribadenses estamos implicados co medio ambiente".

20080826 desbroce

O CONCELLO PROCEDE ESTES DÍAS AO DESBROCE DAS PISTAS DE VARIAS PARROQUIAS. UNS TRABALLOS NOS QUE INVISTE 11.300 EUROS.
Ribadeo, 26 de agosto de 2008. O Concello de Ribadeo está a desbrozar de novo estes días as pistas de varias parroquias. "Uns traballos que realizan os dous tractores cos que contamos", explica o edil de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro asegura que "todos sabemos que éste foi un ano de moita choiva e que a pesares de que o noso tractor non parou a maleza das cunetas recentemente cortada xa volta a estar alta. Polo tanto con este novo vehículo co que estamos a traballar imos facer sobre 90 hectáreas de superficie. Os veciños, sobre todo do campo, entenden que o ano foi malísimo para a herba por tanta choiva, xa que estivo a chover moitísimo desde o 7 de maio ata mediados de xuño".
O concelleiro delegado de Medio Ambiente cre que "se está a notar que o tractor non para e está mañá e tarde a traballar. Non nos da tempo a taluzar polo momento xa que son uns 1.000 kilómetros de pistas aproximadamente os que imos adecentar. A subvención que temos é solo para a realización de traballos nas pistas da concentración parcelaria, xa que non podemos entrar polo monte. A partires do vindeiro mes tentaremos conseguir outra partida económica para completar estas tarefas". Horacio Cupeiro está satisfeito "das felicitacións que estamos a recibir nas parroquias por estes traballos que estamos facendo".
O Concello inviste no desbroce das pistas de varias parroquias 11.300 euros.

jueves, 28 de agosto de 2008

20080827 Orzamentos

SATISFACCIÓN DO EQUIPO DE GOBERNO TRAS A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS PARA ESTE 2008 QUE ASCENDEN A 9,9 MILLÓNS DE EUROS.
Ribadeo, 27 de agosto de 2008. O equipo de goberno do BNG amósase satisfeito tras a aprobación inicial dos orzamentos municipais para este 2008, cos seus votos e os do PP. PSOE e UPRI abstivéronse. O edil de Economía, Vicente Castro, asegura que "coa aprobación do orzamento damos un gran paso adiante polo que supón darlle cobertura a unha serie de investimentos que son importantes para Ribadeo xa que contan con financiamento de outras institucións e corrían o risco de perderse".
Castro engade que "dende o grupo de goberno demos a oportunidade aos demais grupos a facer aportacións e a participar na elaboración do presuposto. Aínda que se aproba con un gran parte do ano xa avanzada, nel xa desde principio de 2008 foron participando todos os grupos, porque se levaron a plenos e xuntas de goberno temas e investimentos que todos decidiron. Dende ese momento supón participación dos demais grupos porque están decidindo aportación de fondos do Concello para distintas inversións que hai que recoller no orzamento. Nós demos a oportunidade aos demais grupos a facer aportacións nunha primeira comisión; algúns deles fixéronas, uns máis que outros, i é de agradecer algunhas das aportacións feitas porque son positivas. Así seguiremos facendo en vindeiros exercicios".
O concelleiro delegado de economía agradece "a todos os grupos, evidentemente a uns máis que a outros, a sua postura á hora de facilitar que estes orzamentos saíran adiante polo que supón para este exercicio e para Ribadeo".
Compromiso do alcalde
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, valora se xeito positivo que "o orzamento fose amplamente aprobado onte. Recalcar que este presuposto ten que asumir un remanente negativo do ano 2006 duns 660.000 euros e ten que resolver unha serie de malas contabilidades de anos anteriores, pero o máis importante e que ten que dar cabida a importantes inversións con outras administracións pero nas que o Concello de Ribadeo ten que poñer unha parte menor pero importante para que puideran ir adiante unha serie de obras desde o punto de vista das infraectructuras moi importante: obras no casco vello, obras na rúa Calvo Sotelo e noutros puntos do Concello, así coma a renovación de maquinaria e instrumentos de traballo e de seguridade pública moi importantes coma o novo camión da recollida do lixo, o novo camión de incendios co que imos ser un referente na Mariña e o novo vehículo para a policía local. Por decir unha síntese moi pequena de todas as virtudes que ten este presuposto".
Fernando Suárez engade que "o goberno municipal de Ribadeo que formamos catro persoas, como sabemos cales son precisamente os nosos límites e ata onde podemos chegar e a onde non, o que facemos é dialogar con todo o mundo. Eu pendo que é a primeira vez na historia na que fixemos dúas comisións informativas previas ao pleno. Outra cousa é que haxa determinados grupos que vaian alí, non abran a boca en absoluto e logo digan que non empregamos o método axeitado, que non dialogamos e non falamos; eso é unha absoluta mentira. Estamos xa un pouco fartos de determinados tópicos porque dous non falan si un non quere. O goberno municipal de Ribadeo sabe que debe falar con todo o mundo. Unha cousa é falar e outra chegar a acordos. Si chegamos a acordos é porque alguén enriba da mesa con luz e taquígrafos, no marco dunha comisión informativa no Concello e non na barra dun bar, fan propostas que nos decidimos estimar nunha parte moi importante e outras que non se puideron asumir, o que serviu para que o orzamento municipal de 2008 saise adiante".
O alcalde anunciou que a partires de agora "hai que velar para que os compromisos de inversión de vaian cumprindo no que queda de ano. Ademáis adquiro o compromiso de que o presuposto de 2009 debe ser aprobado con moita máis antelación que este, a ver si somos capaces de chegar a un acordo para aprobalo no primeiro trimestre do vindeiro ano".
O orzamento de ingresos do Concello de Ribadeo para este 2.008 é de 9,9 millóns de euros e o de gastos é de 9,3 millóns de euros. Aparece un superávit de 660.000 euros para facer fronte ao remanente negativo das contas do ano 2006. Trátase do orzamento máis elevado da historia de Ribadeo. A inversión destínase máis de 1,8 millóns de euros, e a gastos de persoal o 40% do orzamento.

lunes, 25 de agosto de 2008

Sobre este blog

Unha nota sobre o blog: as notas de prensa son pasadas de segunda man e ás veces chegan tarde. A data que se pon no título é o día no que foron xeradas, non o día que chegaron ás miñas mans.

viernes, 22 de agosto de 2008

20080822 diversión o fin de semana

RIBADEO VIVE UNHA FIN DE SEMANA CHEA DE ACTUACIÓNS MUSICAIS
Ribadeo, 22 de agosto de 2008. Ribadeo vive unha fin de semana chea de actuacións musicais. Hoxe a partires das seis da tarde haberá pasarrúas a cargo de varios grupos folk e pola noite no aparcadoiro da rúa Rosalía de Castro terá lugar un concerto no que participarán catro grupos, entre os que destaca Siniestro Total.
Mañá sábado ás oito e media da tarde no Parque de San Francisco, no palco da música, terá lugar o concerto do grupo de rock ribadense Beetle Judge e o domingo pola tarde no Auditorio de Cabanela ás sete e media actuará Experimenta Danza "trátase dun espectáculo de danza no marco incomparable da ría de Ribadeo e o noso peirao", destaca Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Cultura.
E tamén o domingo 24 de agosto ás dez da noite no Cantón será o momento de escoitar ao grupo vasco Tirri Tarra que actuará acompañado da Coral Polifónica de Ribadeo "no que será un espectacular concerto sinfónico totalmente diferente aos que estamos acostumados a ver", engade Mariluz Álvarez. A edil nacionalista convida "aos veciños de Ribadeo, aos do resto da Mariña e do Occidente Asturiano e aos visitantes que nos acompañan estes días a que se acheguen a disfrutar dalgúns destes espectáculos que temos nesta forte fin de semana en Ribadeo".

20080822 pleno orzamentos

O ALCALDE CONVOCOU O PLENO DOS ORZAMENTOS DE 2008 PARA O VINDEIRO MARTES 26 DE AGOSTO ÁS OITO DA TARDE.
Ribadeo, 22 de agosto de 2008. Os orzamentos de Ribadeo para 2008 irán a pleno o vindeiro martes 26 de agosto ás oito da tarde, segundo a convocatoria asinada polo rexedor, Fernando Suárez. Na Comisión de Economía e Facenda celebrada esta mañá "os presupostos foron informados de xeito favorable cos votos do BNG, namentras que os partidos da oposición: PP, PSOE e BNG abstivéronse e reservan o seu voto e a súa decisión para ese pleno do martes", segundo explica o concelleiro de Economía, Vicente Castro.
O equipo de goberno presentou unha modificación dos presupostos "na que asumimos e contemplamos parte das propostas realizadas polo PP e por UPRI, porque o PSOE non presentou ningunha. Tamén retocamos algunhas partidas de motu proprio despois de realizar un pormenorizado estudo xunto coa interventora municipal e logramos rebaixar os orzamentos nuns 260.000 euros, unha cifra que se aproxima á plantexada na pasada comisión polos populares", engade Vicente Castro.
O edil nacionalista lembra a importancia da aprobación destes presupostos que rondan os 9,9 millóns de euros "xa que están previstas moitas inversións vinculadas a subvencións doutras administración e que se poden perder no caso de que non saisen adiante".

20080821 Exposición percorridos

O FORTE DE SAN DAMIÁN ACOLLE ATA O 31 DE OUTUBRO A EXPOSICIÓN PERCORRIDOS.
Ribadeo, 21 de agosto de 2008. Chega a Ribadeo a exposición Percorridos que poderá verse no Forte de San Damián ata o 31 de outubro. Segundo explica a comisaria da exposición, Neves Paz, "a parte que se atopa en Ribadeo, porque Percorridos está en tres concellos da Mariña, móstranos a escultura de Quique Guerra, de Chus Lage e de Otero Regal; a pintura de Celso Dourado e a fotografía de Toni Deaño, Fernando Fernández Páez e Diego Casado, entre outros".
Paz destaca que "por primeira vez no Forte de San Damián temos tres instalacións moi diferentes: a de Neira Broch que utiliza o vidro, a de Carmen Llonín que emprega materiais da natureza para facer esculturas e a da artista de Ferreira, Mar Vicente, que fai unha utilización sobre todo do xogo que provocan as luces de neón".
A exposición terá un horario máis amplo no Forte de San Damián ata as festas patronais e despois xa será máis reducido. Os interesados en visitala poden facerse cos folletos informativos editados polo Xacobeo nas mesmas instalacións. Neves Paz anuncia que "a partires de mediados de setembro váise convocar aos centros de ensino para ofrecerles visitas guiadas e obradoiros aos escolares".

20080821 Comisión de economía e facenda: orzamentos

O ALCALDE CONVOCOU PARA MAÑÁ UNHA NOVA XUNTANZA DA COMISIÓN DE ECONOMÍA E FACENDA NA QUE SE ESTUDIARÁN OS ORZAMENTOS DE 2008.
Ribadeo, 21 de agosto de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, convocou para mañá venres ás 12 da mañá, unha nova xuntaza da Comisión de Economía e Facenda, na que se analizarán os orzamentos municipais de 2008. A ese encontro o equipo de goberno levará unha modificación dos presupostos na que estarán incluidas algunhas das propostas plantexadas estes días polos grupos da oposición.
Hai que lembrar que o luns celebróuse unha Comisión de Economía e Facenda na que os grupos da oposición se amosaron en contra da proposta de orzamentos plantexada polo BNG. Nese encontro o equipo de goberno do Concello déulle un prazo aos outros partidos políticos para presentar os seus plantexamentos que foron analizados ao longo destes días.

20080821 Peche aparcadoiro

DESDE O PASADO MARTES O CONCELLO DE RIBADEO MANTÉN PECHADO DE NOVE DA NOITE A NOVE DA MAÑÁ O APARCADOIRO PROVISIONAL DAS CATEDRAIS.
Ribadeo, 21 de agosto de 2008. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, anuncia hoxe que "desde o martes 19 de agosto estamos a pechar todos los días pola noite o aparcadoiro provisional das Catedrais para todo tipo de vehículos entre as nove da noite e as nove da mañá. Unha decisión motivada polo mal uso dalgúns autocaravanistas á hora de comportarse desde o punto de vista medio ambiental. Algúns non cumprían con moitas das normas de acampada itinerante que consisten por exemplo en non facer uso de ningún elemento de cámping, abrir as ventás ou tender a roupa". Garda Civil e Policía Local informan estes días aos propietarios das autocaravanas do peche do aparcadoiro e convídanos a dirixirse aos lugares habilitados para eses vehículos na comarca.
Cupeiro engade que "por todo isto e por non correr o risco de que evacúen as augas grises ou os tanques sépticos neste lugar protexido vímonos obrigados a pechar este aparcadoiro. Desde o Concello entendemos que as autocaravanas teñen a mesma consideración que calquera vehículo, sempre e cando cumpran coas súas obrigas. Ainda que a normativa en España está transferida ás Comunidades Autónomas, ésta é bastante antiga a pesares de que a lexislación europea mediante a directiva 92/53 CEE orienta a facilitar a pernoctación das autocaravanas".
O delegado de Medio Ambiente asegura que "debido ao incremento deste tipo de vehículos, en Francia e en Italia xa lexislaron ao respecto dos aparcadoiros para autocaravanas, dándolles aos alcaldes a posibilidade de regulalo de forma motivada. Esperemos que nun futuro próximo nós poidamos dar acollida a este turismo cada día máis abundante e manter os nosos espazos protexidos con plena vitalidade medio ambiental".

miércoles, 20 de agosto de 2008

20080819 sobre orzamentos

O EQUIPO DE GOBERNO MODIFICARÁ OS ORZAMENTOS PARA 2008, NOS QUE INCLUIRÁ ALGUNHAS DAS PROPOSTAS PLANTEXADAS POLA OPOSICIÓN.
Ribadeo, 19 de agosto de 2008. O equipo de goberno no Concello de Ribadeo modificará os orzamentos de 2008 para incluir algunhas das propostas plantexadas pola oposición. A ese acordo chegaban na comisión informativa de economía e facenda que se celebraba onte pola tarde na Casa do Concello. O edil responsabile de Economía, Vicente Castro, explica que "se fixo unha proposta aberta para estudo e análise por parte dos diferentes grupos. O PP declarou a súa intención de votar en contra dos orzamentos namentras non se modifiquen ou inclúan novas partidas con algunhas das súas propostas". Castro engade que "tanto PSOE coma UPRI desvelarán si votarán a favor ou en contra no pleno dos orzamentos. Os socialistas de momento nin presentaron nin sabemos si van presentar propostas e UPRI comprometéuse a presentar xa no día de hoxe a súa proposta".
O concelleiro de Economía de Ribadeo asegura que "despois estudiaremos todo o que nos chegue xunto aos técnicos para presentar un novo orzamento e convocar a comisión de economía e facenda dentro duns días".
Vicente Castro insiste en que "o orzamento é de vital importancia para Ribadeo debido á grande cantidade de inversión que hai comprometida con presupostos vinculados a outras administracións e que se poderían perder senón saen adiante. Estamos dispostos a estudar as propostas que nos cheguen, sempre dentro dun límite razonable xa que haberá partidas que non poidan ter cabida e outras que non se poden modificar".
Os orzamentos de Ribadeo para 2008 rondan os 10 millóns de euros.

viernes, 15 de agosto de 2008

20080814 Concerto da coral e Tirri Tarra

O GRUPO ORQUESTRAL VASCO TIRRI TARRA E A CORAL POLIFÓNICA DE RIBADEO FARÁN VIBRAR AO PÚBLICO NUN ORIXINAL CONCERTO PREVISTO PARA O 24 DE AGOSTO.
Ribadeo, 14 de agosto de 2008. O grupo orquestral vasco Tirri Tarra presentará o seu último traballo Luz negra en Ribadeo o vindeiro 24 de agosto ás dez e media da noite no Cantón do Moreno. A actuación contará coa participación da orquestra de corda Soto Voce de San Sebastián e coa colaboración especial da Coral Polifónica de Ribadeo que "será la encargada de darle voz a esta música", explica Igor Carballo de Tirri Tarra.
Carballo contou hoxe que "Tirri Tarra grabó un disco con el Orfeón Donostiarra en 2006 que ha tenido muy buena aceptación entre el público de todas las capitales vascas que hemos visitado en auditorios y plazas abiertas y también entre los medios de comunicación. La crítica bautizó esta música como un rock sinfónico porque se combinan instrumentos de una orquesta tradicional con instrumentos electrónicos como la guitarra eléctrica, los teclados, la batería….. Es una música que tiene mucha fuerza en el directo". Igor Carballo lembrou que "cuando se lo planteamos a la Coral Polifónica de Ribadeo se llevaron una sorpresa muy grande y al principio se asustaron un poco, pero les explicamos que llevamos dos años trabajando con corales de España y cual era la forma de trabajarlo. Ahora ya estamos realizando los ensayos que van muy bien y si el tiempo lo permite, el concierto del próximo 24 de agosto será muy especial y muy bonito para Ribadeo".
O concerto que patrocina Caixanova foi presentado esta mañá no Concello polo alcalde, Fernando Blanco, polo grupo Tirri Tarra e pola Coral Polifónica de Ribadeo.

20080814 Orzamentos

O ALCALDE CONVOCA PARA O VINDEIRO LUNS 18 DE AGOSTO A COMISIÓN DE FACENDA E CONTAS PARA ANALIZAR E DEBATIR OS ORZAMENTOS DE 2008.
Ribadeo, 14 de agosto de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, convoca para o vindeiro luns 18 de agosto ás oito da tarde, a comisión informativa de Facenda e Contas para analizar a proposta de orzamentos de 2008. O concelleiro de Economía, Vicente Castro, asegura que "se trata dunha proposta aberta para estudar entre todos os grupos que compoñemos a Corporación Municipal co fin de que todos teñan a oportunidade de aportar a súa opinión sobre ditos orzamentos". Castro e o equipo de goberno do Concello insisten na "conveniencia da aprobación dos presupostos para garantir as importantísimas inversións a executar neste ano e que están vinculadas á financiación allea. Hai obras previstas en rúas do casco vello coma Calvo Sotelo, Amando Pérez ou Viejo Pancho; obras en camiños do medio rural con cargo ao POS da Deputación Provincial ou investimentos no parque móbil municipal para comprar o novo camión do lixo ou o dos incendios".
Vicente Castro estima que "é importante que o orzamento saia adiante, e que ainda que ven con certo retraso ven a atender as necesidades do Concello e a correxir deficiencias en materia de infraestructuras. Sen entrar moito en detalle no que se refire aos datos económicos concretos podo dicir que volta a ser un novo récord de presuposto polo que á contía se refire. E repito que o importante é que saia adiante polo ben de Ribadeo".

20080814 Desbroces pola Deputación

O ALCALDE ENVIÓULLE UNHA CARTA AO DELEGADO DE OBRAS DE DEPUTACIÓN PARA QUE DE XEITO URXENTE REALICEN AS LABORES DE DESBROCE E LIMPEZA EN VARIAS ESTRADAS DE TITULARIDADE PROVINCIAL.
Ribadeo, 13 de agosto de 2008. O rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, envióulle unha carta ao delegado de Obras da Deputación de Lugo, Manuel Martínez para que se xeito urxente realicen as labores de desbroce e limpeza en varias estradas de titularidade provincial. Na carta Suárez Barcia di que "atopándonos xa no último tercio da temporada estival de 2008 esta alcaldía quere pór de manifesto que ata o de agora non se procedeu por esa Deputación Provincial á realización, coma noutras ocasións, das labores de desbroce e limpeza de cunetas en viarios de titularidade provincial dentro deste termo municipal de Ribadeo".
O alcalde engade que "é significativo e desde logo convirá conmigo que non é de recibo que chegadas estas datas, sobre todo nas zonas costeiras, en viarios que conducen ás praias na parroquia de A Devesa e na zona de Vilaselán, non se tivera adoptado ningunha resolución ao respecto ainda a pesares de ter falado sobre este asunto e de terme interesado en diversas ocasións. Por todo isto lle pregaría que con carácter urxente se adoptara unha solución ao respecto".
Fernando Suárez explica que farto de preocuparse por este asunto vía telefónica sin que ata o de agora se atenderan as súas peticións "vinme na obriga de enviarlle este escrito, porque ademáis hai que lembrar que o Concello non pode actuar nas estradas que dependen da Deputación de Lugo. Agardamos que a nosa petición sexa atendida canto antes".

20080812 Sobre autocaravanas

O CONCELLO PROHÍBE O ESTACIONAMENTO DE AUTOCARAVANAS NAS CATEDRAIS ENTRE AS NOVE DA NOITE E AS NOVE DA MAÑÁ.
Ribadeo, 12 de agosto de 2008. O Concello de Ribadeo acaba de colocar sinais verticais para que as ducias de autocaravanas que chegan cada día ás Catedrais abandoen os aparcadoiros da zona ás nove da noite e se dirixan a pernoctar nos cámpings da zona. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que "hai unha semana que habilitamos un novo aparcadoiro en Catedrais, Illas, Castros e Rinlo con autorización do director xeral de Conservación da Natureza ao pertencer á Rede Natura 2000".
Cupeiro engade que "no aparcadoiro das Catedrais que ten uns 12.000 metros cadrados estes días estamos a tomar medidas ao quedarse a pernoctar autocaravanas co perxuizo económico que eso supón para os cámpings da zona. O Concello está a tomar medidas en colaboración coa Garda Civil e coa Policía Municipal para regular estas incidencias. O que fan é convidar aos donos das autocaravanas a abandoar durante a noite o aparcadoiro, xa que desde hai uns días teñen unha sinal de prohibido aparcar alí entre as nove da noite e as nove da mañá".
O concelleiro de Medio Ambiente tamén lles pide aos cidadáns que visiten As Catedrais "que respecten as sinais verticais de dirección obrigatoria e que fagan uso do aparcadoiro provisional mentras quede espazo e que non o aparquen á beira da estrada. De tódolos xeitos estamos moi satisfeitos polo respecto dos visitantes hacia este monumento natural".

sábado, 9 de agosto de 2008

20080804 Música clásica

CUN CONCERTO DE HOMENAXE A LEOPOLDO CALVO-SOTELO EMPEZA O DIA 8 O TERCEIRO FESTIVAL INTERNACIONAL DE MÚSICA CLÁSICA.
Ribadeo, 04 de agosto de 2008.- Os actos do terceiro Festival Internacional de Música Clásica, que se celebra en Ribadeo este mes, foron presentados hoxe no Concello. Empeza o día 8, venres, ás dez menos cuarto da noite con unha homenaxe a Leopoldo Calvo-Sotelo. O director do festival, Leopoldo Erice, ofrecerá un concerto de piano adicado a un gran melómano, como foi Calvo-Sotelo.
O segundo acto será o 10 de agosto, domingo, ás dez da noite con un concerto a cargo da mezzosoprano Mary Ann Hart e de Emile Naoumoff ao piano. Cinco das cancións que interpretarán son estreos mundiais e as outras cinco estreos en Europa, tal e como salientou o director do festival.
O venres, 15 ás dez da noite será o terceiro concerto, que correrá a cargo de do Trío Narciso Yepes que interpretará un recital de danza e música antiga española. E o concerto de clausura será o domingo 17 ás dez da noite co grupo Barcelona Barroc.
O III Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo terá por escenario o Auditorio Municipal Hernán Naval. O prezo das entradas que xa están disponibles na taquilla Caixa Galicia e o día dos concertos na propia taquilla do Auditorio será de 10,60 euros. Para os maiores de 65 anos e os menores de 18 o prezo será de 8,60 euros.
Na presentación do festival a concelleira de Cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, salientou que este evento "é xa un referente na súa terceira edición" grazas á aportación económica da Fundación Caixa Galicia e á dirección artística de Leopoldo Erice. En representación da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez explicou que para esa entidade "a cultura en termos xerais, e a música en concreto, é unha das nosas responsabilidades, que levamos con tremendo gosto. Este terceiro festival internacional é unha mostra diso, pois para chegar a estos nivéis de profesionalidade e de importancia requírese a participación de máis dunha entidade". Sinesio Pérez tamén salientou que o Concello de Ribadeo "amosou sempre unha sensibilidade moi especial para temas culturais, e para a música en concreto", ó tempo que recoñeceu o "gran traballo" de Leopoldo Erice.

O director dixo que o festival ten un carácter moi didáctico coa intención de chegar a todo tipo de público. "Hay mucha gente que no se anima a ir a un concierto de música clásica, porque dice que no la entiende y nosotros pretendemos que eso vaya cambiando poco a poco con unas charlas muy amenas, en las que los propios músicos hablan de la música que van a interpretar".

20080808 festa percebe

MAÑÁ CELÉBRASE A QUINTA FESTA DO PERCEBE DE RINLO. SERÁN MÁIS DE MIL KILOS OS QUE SE PORÁN Á VENDA AO PREZO DE 11 EUROS A RACIÓN.
Ribadeo, 8 de agosto de 2008. Mañá celébrase a quinta Festa do Percebe de Rinlo. Unha cita gastronómica na que se porán á venda máis de mil kilos deste marisco ao prezo de 11 euros a ración. A festa está organizada pola agrupación de mariscadoras de Rinlo coas que colaboran a Dirección Xeral de Turismo, a Consellería de Pesca e o Concello de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, considera que "se trata dun auténtico revulsivo no que é a actividade lúdico-festiva e turística do verán en Ribadeo, polo que agardamos que mañá non sexan centos senón milleiros de persoas os que se acheguen a Rinlo tanto da Mariña luguesa coma do Occidente asturiano así coma os visitantes que temos entre nós para disfrutar deste evento".
O rexedor lembra que Rinlo "no pasado estivo vinculado á pesca de baleas e á pesca costeira e moitos dos seus homes estiveron enrolados na mariña mercante e agora destaca polo marisco e en concreto polo percebe".
A quinta Festa do Percebe de Rinlo dará comenzo sobre a unha do mediodía nunha carpa instalada no porto.

Nota prensa BNG 20080808 sobre o porto

POLA MANTEMENTO E AUMENTO DA ACTIVIDADE DO PORTO
SEN AGRESIÓNS Á RÍA DE RIBADEO



Ribadeo naceu arredor dun porto nunha das beiras dunha ría que posibilitou ese porto natural. A día de hoxe ambos seguen a ser de grandísima importancia, nunha vila con eminente vocación comercial e de servizos. Non podemos prescindir de ningún dos dous, e o incremento da actividade portuaria debe respectar a Ría de Ribadeo.

Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que é posíbel manter e aumentar a actividade do porto comercial sen que iso supoña un atentado ao contorno natural e urbanístico. Neste momento o noso porto aínda pode incrementar o tráfico portuario, e se Portos de Galiza tivese verdadeiro interese dragaría a canle para permitir a entrada a barcos de máis calado.

Cremos que o Porto de Ribadeo é o máis axeitado para a carga de pasta de papel procedente da papeleira de Navia, aínda tendo en conta o futuro incremento de produción: é un porto limpo, está a pouca distancia e as tarifas son menores. Portos de Galiza debería preocuparse de sacar partido a todas as potencialidades que ofrece, en vez de promover os intereses dunha empresa particular que propón instalar unha nave que ocuparía unha superficie da ría equivalente á dun campo de fútbol, e cunha altura semellante á dun edificio de 8 andares. Quen vai crer que isto non ten impacto sobre a ría? Ou pensan en Portos de Galiza que a cuestión está só en disimulalo á vista?

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo chama aos veciños e veciñas de Ribadeo a manifestarse contra o intento de levantar esta nave no porto e en favor dun desenvolvemento sostíbel e respectuoso co noso contorno natural e urbano.

Ribadeo, 8 de agosto de 2008


BNG DE RIBADEO

martes, 5 de agosto de 2008

20080804 Lavado contedores

URBASER E O CONCELLO VOLTAN A LAVAR ESTES DÍAS OS CONTENEDORES AMARELOS E OS DE ORGÁNICO.
Ribadeo, 4 de agosto de 2008. A empresa Urbaser procede de novo estes días ao lavado dos contenedores amarelos de Ribadeo, segundo informa o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro. O edil nacionalista engade que "tamén limparemos os de orgánico, grazas á colaboración de Urbaser que nos cedeu o camión lavacontenedores que utilizaremos con empregados do Concello para realizar estas tarefas estes días".
Horacio Cupeiro pide "unha vez máis a colaboración dos veciños de Ribadeo para que se absteñan de baixar o lixo ata ven entrada a tarde e que así Urbaser e nós o Concello poidamos limpar sen problema os contenedores do casco urbán ribadense".

20080804 nave porto

O ALCALDE INSISTE EN QUE A PROPOSTA DE CONSTRUCCIÓN DUNHA NAVE INDUSTRIAL EN MIRASOL É INCOMPATIBLE CUN CRECEMENTO ORDENADO E RACIONAL DO CONCELLO.
Ribadeo, 4 de agosto de 2008. O alcalde, Fernando Suárez, insiste en que "desde a unanimidade da Corporación en Ribadeo sempre tivemos claro o que queremos para Ribadeo. E esta solución aportada por Portos de Galicia, con esa nave tan inmensa dun campo de fútbol de superficie e cunha altura duns 8 pisos, era incompatible absolutamente desde o punto de vista medio ambiental e desde o punto de vista do crecemento ordenado da vila, era incompatible co turismo e co que eso supón para o noso Concello coma fonte de riqueza….. estamos firmemente convencidos de que eso non podía ser tal e como Portos plantexaba a solución".
O rexedor ribadense engade "a modo de reflexión que si o Principado e Feve chegan a ese acordo para financiar os desvíos da liña de Feve para que as mercadorías poidan entrar no porto de Xixón e na factoría de Navia, habería que preguntarse en alto ¿Porqué Portos de Galicia e esta consellería levan desde hai meses dicindo que estaban facendo estudios para conectar a liña férrea cos portos de interés coma o de Ribadeo senón deron pasos moito máis ambiciosos e concretos coma os asturianos o teñen feito?".
Fernando Suárez engade "o que de todos é sabido. O porto comercial de Ribadeo é o que está a menor distancia da factoría Ence de Navia e é o porto que menores tarifas ten. Desde Ribadeo estamos convencidos de que esa proposta de nave industrial en Mirasol non podería ser compatible cun crecemento ordenado e racional do noso Concello".

20080808 festival internacional música clásica

HOXE COMENZA O III FESTIVAL INTERNACIONAL DE MÚSICA CLÁSICA DE RIBADEO DE BACH E OS NOSOS DÍAS.
Ribadeo, 8 de agosto de 2008. Esta noite comenza en Ribadeo o III Festival Internacional de Música Clásica que se desenvolverá no Auditorio Municipal Hernán Naval ata o vindeiro 17 de agosto. Na xornada de hoxe váise render homenaxe ao ex presidente do Goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo "ya que era un ribadense hasta la médula y un gran amante de la música clásica, de hecho vino a disfrutar con nosotros de las pasadas dos ediciones del festival", explica Leopoldo Erice, fundador e director do Festival e pianista profesional. Leopoldo Erice ofrecerá esta noite a partires das dez menos cuarto un recital de piano con obras de Johann Sebastian Bach "pero antes tendremos una pequeña charla explicativa sobre dicho recital, ya que hay mucha gente que dice que no acude a los festivales de música clásica porque no los entiende. La intención es acercar un poco la música también a través de la palabra a los que nos acompañen", engade Leopoldo Erice.
O domingo ás 10 da noite será o segundo concerto. Trátase dun recital de canto e piano de obras de Emile Naoumoff, que ofrecerá o propio pianista acompañado da mezzosoprano americana Mary Ann Hart.
O III Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo continuará os vindeiros 15 e 17 de agosto.

sábado, 2 de agosto de 2008

20080801 sobre nave na ría

O ALCALDE PÍDELLE AO PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA QUE NON INSISTA NA CONSTRUCCIÓN DUNHA NAVE CUBERTA NO PEIRAO COMERCIAL DE MIRASOL.
Ribadeo, 1 de agosto de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dille ao presidente de Portos de Galicia que "pode vir a Ribadeo cando queira a facer cuestións do seu departamento como é lóxico, pero tamén creo que esto xa empeza a ser un pouco raiante o de aproveitar calquera cuestión para incidir nas bondades dun proxecto totalmente inapropiado non só para o porto senón tamén para Ribadeo. Fóra do ámbito de quen ten que dar a licencia de obra que é o Concello pois o presidente de Portos de Galicia, con tódolos meus respetos, non se está a comportar como debería coma administración que debe defender os intereses non só os concretos dunha empresa senón que ten que sopesar todo".
Suárez Barcia lembra que "a totalidade da Corporación de Ribadeo manifestamos de xeito unánime que non é aceptable e admisible a construcción dun mamotreto no porto comercial de Ribadeo encastrado no casco vello, e que ocupará unha superficie e un volumen brutal. Será coma un campo de fútbol e a súa altura será coma a dun edificio de 8 plantas. Entón por moito que veñan a matizar e a decir moitas cousas, eu quero anticiparme porque poden acusar ao Concello de non querer un desenvolvemento económico, e desde logo nosoutros vaia si queremos un desenvolvemento económico….. de aí que no día de onte désemos un paso de xigante para a construcción dun polígono industrial que sí que vai xenerar traballo e emprego de calidade, por iso imos poñer en marcha esa subestación eléctrica que tanta falla lle fai ao polígono de Ribadeo e a o propio Concello".
Canal da ría
O alcalde ribadense cre que "si Portos de Galicia quere mellorar a capacidade do porto o que debe facer é dragar o canal da ría de Ribadeo e debo reiterar que o peirao comercial de Ribadeo ten capacidade sobrada para soportar un incremento do tráfico de mercadorías, singularmente da pasta de papel que poida vir da factoría de Ence de Navia, sin necesidade de construir unha nave que desde logo vai contra todo criterio racional. Pode perfectamente incrementar as funcións de carga e descarga, pode soportar moito máis e desde logo si eso ten algunha limitación será a do número de barcos que poidan entrar nun día na ría de Ribadeo, pero eso é á marxe da creación dunha nave cuberta que a día de hoxe Portos de Galicia ainda non demostrou de xeito real cántas horas se perden ao ano en cuestión de carga e descarga por mor da chuvia". Fernando Suárez engade que "é a única xustificación que teñen para xustificar a construcción dun tinglado cuberto para protexerse das inclemencias do tempo. Esto non é a Amazonía, aquí cando chove escampa, e entón son poucas as horas ao ano nas que non se pode traballar por mor do mal tempo".
O rexedor dille ao presidente de Portos de Galicia que "si quere traballar por Ribadeo e quere facerlle un favor a esta vila que drague o canal da ría de xeito íntegro e que se poña a traballar en positivo. Tamén lle pido que cando pensen non só o fagan nos intereses concretos dunha empresa (moi lexítima por certo) xa que deben pensar en todo como o fai a Corporación que se preocupa polo desenvolvemento sostible, polo impacto paisaxístico, pola creación e destrucción de riqueza, polo turismo, pola ordenación do territorio e pola creación de postos de traballo".

20080801 sobre convenio para a Torre dos Moreno

CONCELLO E CULTURA ASINAN UN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN PARA LEVAR ADIANTE A REHABILITACIÓN DA TORRE DOS MORENO.
Ribadeo, 1 de agosto de 2008. A Consellería de Cultura e o Concello de Ribadeo asinaron esta tarde un protocolo de colaboración técnica e económica para proceder á rehabilitación da Torre dos Moreno. Una actuación que estará condicionada á aceptación por parte dos propietarios. Consistirá segundo Ánxela Bugallo "en consolidar a estructura do inmoble e a reparación das vigas e elementos horizontais que soportan o peso do edificio, inclúense obras na cuberta, nas fachadas exteriores e nos patios que dan ao interior do edificio e tamén o acondicionamento dos accesos ao inmoble e a restauración das baixantes principais".
A Consellería de Cultura asumirá o custe total das obras de restauración da Torre dos Moreno e o goberno local de Ribadeo establecerá contactos cos propietarios e encargaráse da vixianza e seguridade durante a realización dos traballos.
O rexedor, Fernando Suárez, amosóuse satisfeito con esta sinatura polo que suporá "para un edificio que levaba moito tempo esquecido, de feito as últimas actuacións datan de hai dez ou doce anos". Engadiu que se trata dun proceso complexo ademáis de polo deterioro do inmoble pola fragmentación da propiedade "xa que moitos dos propietarios se atopan en Madrid e en América e esa liña vital co paso dos anos séguese a fragmentar e complica máis esta situación". O alcalde comprometéuse a iniciar os contactos con eles "desde mañá mesmo para que este protocolo se converta en breve nun convenio con consignación presupostaria para realizar as obras". Fernando Suárez lembrou a importancia que ten para Ribadeo e para o resto do país "a Torre dos Moreno que é xunto coa praia das Catedrais un dos símbolos desta zona". O alcalde agradecéulle á conselleira de Cultura o esforzo realizado para asinar este protocolo "trátase dun día moi importante para o patrimonio histórico e cultural de Ribadeo".

viernes, 1 de agosto de 2008

20080731 sobre o convenio para a construcción dunha subestación eléctrica

O ALCALDE CONSIDERA QUE A SUBESTACIÓN ELÉCTRICA QUE SE CONSTRUIRÁ NO POLÍGONO INDUSTRIAL SERÁ DETERMINANTE PARA O CRECEMENTO DO RIBADEO DOS VINDEIROS 30 OU 40 ANOS.
Ribadeo, 31 de xullo de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase moi satisfeito tras o protocolo asinado este mediodía coa Consellería de Industria, con Begasa e coa SEPES que permitirá dotar de suministro eléctrico ao polígono industrial.
Na súa intervención o rexedor asegurou que "en todo este tempo, xa perdín a conta das voltas que demos, primeiro coa ubicación, logo coa cualificación dos terreos, logo coas utilidades públicas, a adquisición dos terreos e logo finalmente fomos víctimas dun crecemento urbanístico que non foi aparellado da mellora das infraestructuras de servizos básico como é o suministro eléctrico….. con todo esto o polígono industrial de Ribadeo levaba uns dous anos parado".
Fernando Suárez agradecéulle "o compromiso a todas as partes aquí presentes e fundamentais para que hoxe finalmente poidamos ver a luz ao final do túnel. Agradezo o compromiso con Ribadeo da Consellería de Industria a través do conselleiro, Fernando Blanco, do director xeral de Industria, Anxo Calvo e do delegado provincial, Ramón Cortés, que me tiveron que aturar durante este primeiro ano de mandato de xeito insistente, cada quince días con xuntanzas, viaxes a Santiago, a Lugo….. até que a finalmente hoxe podemos estar aquí".
O alcalde engadiu que "o que esta subestación eléctrica vai a supoñer non será só importante para o polígono industrial senón para todo o Concello e para o Ribadeo dos vindeiros 30 ou 40 anos xa que a potencia a instalar de 40 MVA excede a necesitada polo propio polígono que é de 5 MVA e ademáis suporá o desbloqueo dunha cascada de asuntos pendentes que coma consecuencia estaban bloqueados: a realización dos accesos a ese polígono industrial dos que se encargará a SEPES e a construcción dunha pequena terminal de carga para FEVE, que xa fora aprobada no seu día no Congreso a iniciativa do BNG".
--
A nota ía acompañada dun comentario que extracto:

Os datos máis relevantes son os seguintes: o investimento na subestación eléctrica será de 6 millóns de euros. Industria aporta 1,8 millóns; SEPES aporta 1,4 e Begasa 2,8 millóns de euros. Os proxectos, xestión de permisos e construcción das instalacións iniciaránse no ano 2008 e a execución das obras levaráse a cabo durante os anos 2009 e 2010.

Na intervención do presidente da SEPES, éste referíuse ao custe total que terá a posta en marcha do polígono industrial de Ribadeo. Serán en total, 10 millóns de euros. Haberá 50 parcelas para a instalación de empresas e teñen calculado que se poden crear 400 postos de traballo.
 
Free counter and web stats