jueves, 9 de octubre de 2008

20081009 actividades culturais outono

XORNADAS EDUCATIVAS, EXPOSICIÓNS, MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS COMPOÑEN A PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO DE RIBADEO PARA O ÚLTIMO TRIMESTRE DO ANO.
Ribadeo, 9 de outubro de 2008. Xornadas educativas, exposicións, música e artes escénicas para adultos e nenos compoñen a programación cultural do Concello de Ribadeo para o último trimestre do ano, e que hoxe foi presentada pola edil, Mariluz Álvarez Lastra.
Xornadas
Do 17 ao 19 de outubro desenvolveránse no Parador de Turismo de Ribadeo as XVI Xornadas Mar por Medio que organizan a Consellería de Cultura e o Concello, e que este ano se centrarán nas relacións entre Galicia e Portugal.
E do 7 ao 9 de novembro celebraráse a 4ª Escola de Formación Fermín Penzol, que organiza a Universidade de Vigo e que terá por escenario Ribadeo e Vegadeo.
Exposicións
Na vella oficina de turismo pódese ver ata o 26 de outubro "unha mostra de imaxinería popular tanto galega coma da outra banda do Miño", segundo conta Mariluz Álvarez Lastra "denominada Grande, pequeno. Galiñas, miserias e cabezudos que nestes días previos ao inicio de Mar por Medio vai ser visitada polos nenos de primaria dos nosos centros de ensino que contarán con talleres e títeres para entender mellor a exposición".
No Forte de San Damián segue aberta a exposición Percorridos "que a día de hoxe recibiu xa 1.800 visitas, e agora os alumnos de secundaria acudirán durante este mes cunha guía para poder disfrutar desta mostra", engade a edil nacionalista.
Os tempos son chegados é o título da exposición sobre o himno galego que se pode visitar na oficina de turismo nova. Álvarez Lastra convida aos ribadenses "a que se pasen por alí para disfrutar dos paneis e dos folletíns didácticos para achegárense ao significado do noso himno".
Música
A concelleira de Cultura asegura que neste trimestre "haberá de novo actividades organizadas pola Coral Polifónica de Ribadeo, pola Banda Sinfónica e pola Escola de Música das que xa iremos dando conta ao seu debido momento". Unha das primeiras citas musicais deste trimestre será a actuación de Fran Pérez e Maneca Costas, dentro das xornadas Mar por Medio, co espectáculo Aló irmaos. Será o 18 de outubro ás oito e media da tarde no Auditorio Municipal e con entrada gratuita "un concerto ao que poderán asistir todos os que o desexen ainda que non participen nas xornadas", engade Mariluz Álvarez Lastra.
En novembro voltan as Músicas Posibeis cun concerto de guitarra a cargo de Iñaki Diéguez Trío "e prestaremos de novo unha atención especial ás parroquias, e así o Ciclo máis perto de ti chegará a Couxela en novembro onde actuará o coro do Colexio Sagrado Corazón e en Covelas a Aula Municipal de Teatro porá en escea en decembro a obra A casa sen ventás".
Artes escénicas
Neste ámbito haberá actividades para adultos e tamén para nenos. Mariluz Álvarez conta que "a Ribadeo chegarán compañías coma Teatro do Atlántico, Teatro Galileo ou Espello Cóncavo que xa teñen tradición e outras máis novas coma Teatro do Andamio".
A primeira cita co teatro neste trimestre será este domingo 12 de outubro. Teatro Galileo porá en escea a obra Náufragos, a partires das oito e media da tarde no Auditorio Municipal. O prezo das entradas será de 2 e de 4 euros.
Os nenos contarán con teatro de clown, títeres e actividades de danza. Unha das novidades que presentou a edil de Cultura foron "Os encontros dos axóuxeres que son cancións da nosa lingua musicadas para bebés a partires dos tres ou dos seis meses. Esta actividade terá lugar o 1 de novembro ás 12 da mañá no Auditorio Municipal e a entrada é gratuita. Xa o contamos agora para que os que teñen nenos se vaian organizando. Tamén haberá o Mercado do Nadal e as actividades que nesas datas se organizan para os nenos, pero que xa contaremos cando se achegue a data".
Mariluz Álvarez Lastra convida "a todo o mundo a que disfruten destas actividades culturais e a que consigan máis información achegándose ao departamento de Cultura na Casa do Concello".

No hay comentarios:

 
Free counter and web stats