sábado, 27 de septiembre de 2008

20080926 turismo en Ribadeo

UNHAS 25.000 PERSOAS PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE RIBADEO NOS MESES DE XUÑO, XULLO E AGOSTO.
Ribadeo, 26 de setembro de 2008. Unhas 25.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Ribadeo durante os meses de xuño, xullo e agosto, segundo os datos facilitados esta mañá polo alcalde, Fernando Suárez. Desa cifra, 23.000 son cidadáns españois procedentes na súa maioría de Galicia (4.000) e seguidos a unha certa distancia por madrileños, cataláns, asturianos e vascos. E 2.000 visitantes son cidadáns doutras nacionalidades "os franceses son os que máis veñen por aquí, seguidos de ingleses, alemáns e italianos", explica o rexedor que fai un balance positivo destes datos "que se veñen incrementando nos últimos tempos".
Suárez Barcia engade que o que máis valoran e polo que máis preguntan os turistas "é pola praia das Catedrais que xa é patrimonio de todos… é a máis visitada, a máis preguntada e máis demandada. Tamén se interesan polo casco vello de Ribadeo coa súa arquitectura indiana…a Torre dos Moreno e os edificios nobles e preguntan porqué algúns deses inmobles se atopan nun estado pésimo. Nós agardamos que en breve Ribadeo cambie esa imaxe mala que ten do seu casco porque como decimos moitas veces é unha fonte de riqueza e de turismo telo ben rematado. E os que nos visitan tamén se interesan pola reserva da biosfera, preguntan pola ría e polos Oscos".
O alcalde de Ribadeo lembra as iniciativas que realizou o Concello en tempada baixa "coma o tren de Feve que trouxo a un número importante de viaxeiros de Asturias, e tamén os novos folletos turísticos editados en galego, español e inglés están a ter moi boa acollida, o que nos indica que debemos ir potenciando este tipo de turismo que supón que gasten os seus cartos na hostelería e no sector terciario de Ribadeo".
Fernando Suárez tilda os datos coma "positivos ainda que non debemos caer na autocomplacencia, pero sí que nos permiten ser moi positivos de cara a eventos que están aí ás portas coma o Xacobeo 2010. Agardamos que este convenio asinado co Bispado e a Xunta para rehabilitar o colexio das monxas e convertilo nun dos principais albergues de todo o país tamén redunde en positivo de cara ao turismo que chega ano a ano a Ribadeo".

No hay comentarios:

 
Free counter and web stats