martes, 30 de septiembre de 2008

20080929 obras en Porcillán

O ALCALDE AMÓSASE SATISFEITO TRAS A ADXUDICACIÓN DAS OBRAS QUE PORTOS REALIZARÁ NO PEIRAO DE PORCILLÁN.
Ribadeo, 29 de setembro de 2008. Satisfacción no Concello de Ribadeo tras a adxudicación das obras que Portos de Galicia acometerá no peirao de Porcillán por importe de 530.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que "ditas obras mellorarán a seguridade viaira e ampliarán o número de atraques no porto. Entendemos que era unha asignatura pendente que xa o propio presidente de Portos de Galicia nos explicara aquí no Concello e desde logo que o máis fundamental é a necesidade de reordenar a circulación nesa zona para separar o tráfico rodado dos peatóns xa que o vial actual era moi estreito".
O rexedor engade que "é de destacar esa pasarela peatonal de madeira duns 150 metros de longo que se vai colocar para diferenciar ás áreas de circulación; logo van tamén bancos, xardiñeiras e uns poucos atraques máis. Ribadeo, a nivel de portos deportivos, é un dos primeiros en número de amarres superando os 600 amplamente".
Fernando Suárez agarda que "agora se poidan ir conciliando estas obras con esas outras que iniciaremos no casco vello en poucos días. Espero que non se produzan problemas, a pesares das molestias ocasionadas".

sábado, 27 de septiembre de 2008

20080926 turismo en Ribadeo

UNHAS 25.000 PERSOAS PASARON POLA OFICINA DE TURISMO DE RIBADEO NOS MESES DE XUÑO, XULLO E AGOSTO.
Ribadeo, 26 de setembro de 2008. Unhas 25.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Ribadeo durante os meses de xuño, xullo e agosto, segundo os datos facilitados esta mañá polo alcalde, Fernando Suárez. Desa cifra, 23.000 son cidadáns españois procedentes na súa maioría de Galicia (4.000) e seguidos a unha certa distancia por madrileños, cataláns, asturianos e vascos. E 2.000 visitantes son cidadáns doutras nacionalidades "os franceses son os que máis veñen por aquí, seguidos de ingleses, alemáns e italianos", explica o rexedor que fai un balance positivo destes datos "que se veñen incrementando nos últimos tempos".
Suárez Barcia engade que o que máis valoran e polo que máis preguntan os turistas "é pola praia das Catedrais que xa é patrimonio de todos… é a máis visitada, a máis preguntada e máis demandada. Tamén se interesan polo casco vello de Ribadeo coa súa arquitectura indiana…a Torre dos Moreno e os edificios nobles e preguntan porqué algúns deses inmobles se atopan nun estado pésimo. Nós agardamos que en breve Ribadeo cambie esa imaxe mala que ten do seu casco porque como decimos moitas veces é unha fonte de riqueza e de turismo telo ben rematado. E os que nos visitan tamén se interesan pola reserva da biosfera, preguntan pola ría e polos Oscos".
O alcalde de Ribadeo lembra as iniciativas que realizou o Concello en tempada baixa "coma o tren de Feve que trouxo a un número importante de viaxeiros de Asturias, e tamén os novos folletos turísticos editados en galego, español e inglés están a ter moi boa acollida, o que nos indica que debemos ir potenciando este tipo de turismo que supón que gasten os seus cartos na hostelería e no sector terciario de Ribadeo".
Fernando Suárez tilda os datos coma "positivos ainda que non debemos caer na autocomplacencia, pero sí que nos permiten ser moi positivos de cara a eventos que están aí ás portas coma o Xacobeo 2010. Agardamos que este convenio asinado co Bispado e a Xunta para rehabilitar o colexio das monxas e convertilo nun dos principais albergues de todo o país tamén redunde en positivo de cara ao turismo que chega ano a ano a Ribadeo".

20080925 Convenio para o ARI

O PLENO APROBOU POR UNANIMIDADE O 7º CONVENIO PARA A REHABILITACIÓN DO CASCO HISTÓRICO QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 520.000 EUROS ENTRE OS ANOS 2009 E 2011.
Ribadeo, 25 de setembro de 2008. O pleno do Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade na tarde de onte o 7º convenio para a rehabilitación do casco histórico. O alcalde, Fernando Suárez, destaca que "suporá a rehabilitación de 20 vivendas no casco vello de Ribadeo coa aportación importante do Ministerio de Vivenda e da Consellería de Vivenda e co 45% que porán os particulares. Serán 400.000 euros os destiñados a rehabilitación de edificios e de vivendas. E outra parte é a relativa á rehabilitación de espazos públicos urbanos no casco vello, onde ainda que a cantidade é menor tamén é importante. Neste caso aportan cartos o ministerio, a Xunta e o Concello. O que se destina a obra pública son 120.000 euros. En total entre obra pública e privada falamos dun investimento de 520.000 euros".
O rexedor di que en breve se asinará o convenio coa consellería e do goberno estatal "que terá vixencia desde o ano 2009 ata o 2011. Teño que destacar a boa acollida dos veciños que viven no casco vello de cara a estas axudas. Estamos detectando máis interés neste último ano desde que se modificaron sensiblemente as para eliminar as listas de espera tan grandes que tiñamos. Está vindo máis xente, estamos cubrindo sen problema a xustificación dos proxectos de cada anualidade e esta nova remesa de vivendas dará a posibilidade a 20 familias de poder rehabilitar esas casas con cargo ás axudas públicas".
O Concello será implacable
Fernando Suárez engade que esta situación "contrasta con aqueles inmobles, moitos deles nobles, que pertencen a familias que non viven aquí e que moitas veces fixeron oídos xordos ás nosas demandas. Nos últimos tempos despois deses decretos de cara á seguridade pública, salubridade e ornato moitos reconsideraron a súa actitude desdeixada de non rehabilitar eses edificios e algúns están metendo proxectos de rehabilitación e noutros casos o Concello tivo que facer execucións subsidiarias, cando menos no que ten que ver coa segurade pública". O alcalde de Ribadeo destaca que "non nos gusta ter que facer esto pero seremos implacables de aquí en diante con estes propietarios e seguiremos coa política de tender a man a todos aqueles que viven no casco histórico para que poidan disfrutar das axudas instauradas para esto. Agardamos que nun prazo razoable de tempo o casco de Ribadeo sexa visitable e admirado polos veciños e polos turistas que se achegan a ver esta xoia do patrimonio mariñano".

martes, 23 de septiembre de 2008

2080923 de novo bancos xunto ós eucaliptus do forte de san Damián

O ALCALDE DE RIBADEO ORDEA REPOÑER OS BANCOS NA ZONA DOS EUCALIPTOS, FRONTE AO FORTE DE SAN DAMIÁN.
Ribadeo, 23 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, deu orde esta mañá á brigada de obras para proceder a repoñer os bancos na zona dos eucaliptos, fronte ao Forte de San Damián. O rexedor asegura que "nun pleno celebrado o 1 de agosto de 1994, cando o actual voceiro do PSOE, Balbino Pérez Vacas era teniente de alcalde, aprobaron a adquisición dese eucaliptal a un particular polo que esa finca é propiedade do Concello desde entón".
Suárez Barcia pide "disculpas ao PP por ter retirado os bancos antes de comprobar a propiedade do terreo e sobre todo aos veciños e usuarios dese mobiliario público que moitos empregan para descansar despois de pasear pola zona. Terei que medir moito de quen veñen as cousas cando me din algo e parece mentira que alguén que votou un asunto nun pleno hai xa anos me metera nesta regueifa que vivimos ao longo dos últimos días".

20080923 Convenio para rehabilitación do casco histórico e pleno

O SÉTIMO CONVENIO PARA A REHABILITACIÓN DO CENTRO HISTÓRICO DE RIBADEO SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 520.000 EUROS.
Ribadeo, 23 de setembro de 2008. Mañá irá a pleno extraordinario no Concello de Ribadeo, o sétimo convenio para o Área de Rehabilitación Integral do centro histórico, que suporá un investimento total de 520.000 euros. Para a rehabilitación de 20 vivendas destínanse 400.000 euros, dos que o Ministerio de Vivenda aporta 120.000, a Consellería de Vivenda 100.000 e os 180.000 restantes terán que ser aportados polos propietarios dos inmobles. O convenio contempla 120.000 euros tamén para a urbanización de rúas e espazos públicos. Desa cifra o ministerio aporta 36.000 euros, a consellería 30.000 e o Concello de Ribadeo 54.000 euros.
O alcalde, Fernando Suárez, lembra que "se xestiona todo desde o Concello, con Patrimonio, con Vivenda e os proxectos fánse de xeito gratuito sempre e cando non sexan obras maiores, é dicir que afecten á estructura do inmoble". O rexedor confía en que "o asunto sexa respaldado polo pleno da Corporación Municipal".
O primeiro dos convenios do ARI asinóuse no ano 2002 en Ribadeo.
O pleno extraordinario de mañá mércores 24 de setembro dará comenzo ás sete da tarde.

viernes, 19 de septiembre de 2008

20080918 contratación de profesores para a escola de música e danza de Ribadeo

O CONCELLO DE RIBADEO CONTRATA A 8 PROFESORES PARA A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA.
Ribadeo, 18 de setembro de 2008. O Concello de Ribadeo procederá a contratar a oito profesores para a Escola Municipal de Música. Será para impartir as materias de ballet-danza, metal agudo, metal grave, violín-viola, violoncello-contrabaixo, acordeón, canto e oboe-fagot. Os contratos a tempo parcial faránse pola modalidade de obra ou servizo determinado para o curso escolar 2008-2009 (ata o 30 de xuño de 2009).
Os interesados poden presentar a documentación no rexistro de entradas do Concello ata as dúas da tarde do 24 de setembro. As probas de selección terán lugar o día 25 ás cinco e media da tarde na Casa do Concello.

20080918 xantar sobre rodas

XANTAR SOBRE RODAS CHEGA NOS SEUS PRIMEIROS 15 DÍAS DE FUNCIONAMENTO A 40 USUARIOS DE RIBADEO. O ALCALDE, FERNANDO SUÁREZ, FIXO HOXE BALANCE DO FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS NO CONCELLO.
Ribadeo, 18 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, facía este mediodía balance do funcionamento dos servizos sociais do Concello lembrando que "hai un ano e catro meses cando accedín á alcaldía dixen que un dos pilares básicos do noso goberno ía ser fomentar os servizos sociais e neso estamos".
O servizo de axuda a domicilio contaba no ano 2006 con 5 auxiliares para dar atención a 50 persoas cunha media de 2 a 3 horas á semana; no 2007 e co apoio da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar "que nos axuda desde o punto de vista económico contamos con 8 auxiliares e con 72 usuarios que recibían unha media de atención de 5 horas semanais", explica o alcalde, que engade que "agora no 2008 agardamos rematar con 10 ou 11 auxiliares contratadas para complementar unha inversión por parte da Xunta de 81.000 euros. Hai máis dun ano que este servizo recibía unha dotación de 19.000 euros e agora pasamos a 81.000. Trátase dun salto cuantitativo importante pero tamén cualitativo porque duplicóuse o persoal e damos máis e mellores servizos con máis horas de atención nas súas casas para os usuarios que se benefician deste programa".
Xantar sobre rodas
O servizo Xantar sobre rodas "que foi obxecto dunha experiencia piloto hai uns meses sufragada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que tivo moi boa acollida ven de implantarse hai quince días no noso Concello onde funciona con vocación de continuidade. Temos a día de hoxe 40 usuarios grazas ao apoio dos 36.000 euros que recibimos da Xunta", segue a relatar Fernando Suárez. O alcalde explica que "o custe diario do menú que reciben nas súas casas os usuarios é de 7 euros, ainda que coma media pagan 4 euros por día. Hai xente que polos seus recursos paga máis de 4 euros, pero tamén os hai que pagan moito menos".
O rexedor di que "con todo esto queremos evidenciar un incremento no número de usuarios e na calidade dos servizos prestados. Un obxectivo fundamental dos servizos sociais que é o que nos empeñamos en seguir cumprindo é que a xente maior poida vivir o maior tempo da súa vida no seu medio habitual e por eso hai que facilitarlles medios a eles e ás súas familias para conseguilo".

20080917 mostra de teatro Daniel Cortezón

A CONCELLEIRA DE CULTURA CONSIDERA QUE A MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DANIEL CORTEZÓN XA ESTÁ CONSOLIDADA EN RIBADEO.
Ribadeo, 17 de setembro de 2008. A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, convida a todos os veciños de Ribadeo a que se acheguen desde mañá e ata o domingo ao Auditorio Municipal Hernán Naval para presenciar algunha das obras que forman o programa da V Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón. Álvarez Lastra anima "á xente a que acuda a ver estas compañías de teatro afeccionado xa que é unha maneira de potencialas, de poñelas en valor e ademáis é unha ocasión para que poidan actuar nos escenarios e ao mesmo nivel que as compañías profesionais".
A edil nacionalista considera que "esta quinta edición amosa que a mostra está consolidada e que cada vez ten máis peso tanto de asistencia coma das compañías que veñen ao noso concello a participar nesta cita".
A Mostra de Teatro Daniel Cortezón arranca mañá xoves 18 de setembro ás oito e media da tarde en Ribadeo coa actuación da Aula Municipal de Teatro de Ribadeo que porá en escea a obra Casa sen ventás.
A entrada a todas as obras de teatro é gratuita.

20080917 nave en Mirasol

O ALCALDE SEMPRE ESTIVO CONVENCIDO DE QUE NON SE ÍA CONSTRUIR NO PORTO DE MIRASOL UNHA NAVE DE GRANDES DIMENSIÓNS.
Ribadeo, 17 de setembro de 2008. O alcalde, Fernando Suárez, sempre estivo convencido de que non se ía construir no porto de Mirasol unha nave de grandes dimensións. O rexedor di que "coma alcalde e actuando coma voceiro da unanimidade dos membros da Corporación teño que decir que a nova non nos estrana, non nos alegra e tampouco nos entristece… porque xa sabíamos que non podía ser. O Concello nunca ía dar licencia de obra para facer este monstruo de 8 plantas de altura e dunha superficie dun campo de fútbol que nos ía estropear unha parte importante do casco vello e eso non é compatible con outro tipo de crecemento".
Fernando Suárez reitera "a oportunidade e as facilidades que ten o porto de Ribadeo sin esa nave cuberta que non era máis que para abrigarse da chuvia en momentos moi concretos do ano, pero que en ningún caso restaría productividade dado que nin Portos de Galicia tiña un estudio realizado das horas perdidas ao ano de carga e descarga por non ter unha nave cuberta".
O rexedor de Ribadeo considera que "Portos debe esforzarse, agora que ten máis tempo, en realizar un dragado integral da ría… algo moi demandado desde o Concello, desde os estibadores e desde as xentes do mar. O porto de Ribadeo segue a ser moi competitivo e Portos o que debería mirar é de darlle máis uso a este punto de interés fronteirizo para que por Ribadeo poidan entrar todo tipo de madeiras. Quizáis Portos podería enfocar os seus estudos de mercado e dar a coñecer máis o porto de Ribadeo para aproveitalo sin necesidade de acudir a estas grandes moles que estropearían o casco vello da vila".
Suárez Barcia engade que "agora non se poden producir máis desmanes coma os que se puideron ter producido en anos pretéritos".

20080916 Mostra de teatro Caniel Cortezón

O XOVES COMENZA A V MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DANIEL CORTEZÓN.
Ribadeo, 16 de setembro de 2008. O xoves comenza en Ribadeo a V Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón que se prolongará ata o 21 de setembro. As representacións terán por escenario o Auditorio Municipal Hernán Naval e serán de balde.
O xoves 18 de setembro ás oito e media da tarde a Aula Municipal de Teatro de Ribadeo porá en escea a obra Casa sen ventás. Esta obra xa foi estreada en Rinlo, onde tivo unha grande acollida.
O venres 19 será o turno para o Grupo de Teatro do IES Vilar Ponte de Viveiro que representarán a partires das oito e media a obra Comedia bífida de M. Núñez Singala.
Tres sombreros de copa de Miguel Mihura, un clásico da escena española do século pasado, é o título da obra que se poderá ver o sábado 20 e que porá en escea o Grupo de Teatro San Tirso del Eo.
E o domingo 21 de setembro VALACAR (o Grupo de Teatro da ONCE) representará Enderezo descoñecido, unha adaptación da novela homónima de Kressman Taylor.
O horario de todas as representacións será ás oito e media da tarde. Desde a Concellaría de Cultura de Ribadeo agardan "ver o Hernán Naval con moito público nestes catro días nos que ademáis a entrada vai ser de balde".

20080816 sobre a rota do tren mineiro

COSTAS DESTINA 150.000 EUROS Á REDACCIÓN DO PROXECTO PARA A RECUPERACIÓN DA RUTA DO TREN MINEIRO ENTRE RIBADEO E TRABADA. O ALCALDE AMOSÁSE SATISFEITO POR ESTE ANUNCIO.
Ribadeo, 16 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, informou onte no pleno aos membros da Corporación Municipal, do compromiso de Costas para proceder á recuperación da ruta do tren mineiro entre Ribadeo e Trabada "xa que xa ten aprobado un orzamento de preto de 150.000 para a redacción do proxecto. Trátase dunha ruta magnífica e será unha das mellores sendas verdes de todo o estado".
O rexedor lembra que esa ruta "estivo en funcionamento desde o ano 1905 ata o 1964 e desde entón, sobre todo nos tramos de Ribadeo… hai algúns que son públicos e outros non. A intención do Ministerio de Medio Ambiente é facer ese proxecto expropiando os terreos que faga falla para darlle continuidade e poder empatar estes tramos que faltan entre Ribadeo e Trabada cos que xa están feitos en San Tirso de Abres e A Pontenova". Fernando Suárez engade que "falamos dunha realidade en non moito tempo. Desde o punto de vista turístico será posible que alguén que queira ir camiñando ou en bicicleta entre Ribadeo e A Pontenova o poida facer a través dunha paisaxe maravillosa ás beiras da ría de Ribadeo e despois subindo ás beiras do río Eo. É algo que nos colma de satisfacción e que amosa a sensibilidade dos responsables de Costas con esta ruta que une dúas comunidades: Galicia e Asturias".
Galescola
No pleno de onte, aprobóuse cos votos a favor do BNG, PSOE e UPRI e os votos en contra do PP, a ratificación definitiva do acordó de cesión dunha parcela municipal á Xunta para a construcción dunha galescola para nenos de 0 a 3 anos. Fernando Suárez explica que "pasou o período de exposición pública e non houbo alegacións e agora só resta que se adxudique o proxecto e as obras agardamos que se inicien en breve, si é posible a principios de 2009, para que Ribadeo non só poida manter a escola infantil que xa está a funcionar desde hai tempo, senón que contará con outra que cubrirá a demanda de prazas existente na actualidade".

martes, 16 de septiembre de 2008

20080915 convenio novo albergue de peregrinos

O ALCALDE AVOGA POR POÑER EN VALOR A RIQUEZA QUE TEN RIBADEO NO SEU CASCO VELLO E AGRADECE A INDUSTRIA E A BISPADO O ESFORZO PARA CONVERTIR O ANTIGO COLEXIO DAS MONXAS EN ALBERGUE DE PEREGRINOS.
Ribadeo, 15 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agradecéulles á Consellería de Industria e ó Bispado de Mondoñedo os esforzos realizados para tentar convertir o antigo colexio das monxas ubicado na rúa Trinidad nun albergue de peregrinos. Unha actuación que suporá a creación de 40 novas prazas que se unen ás xa existentes no outro albergue que ten Ribadeo. A actuación a realizar contará cun investimento de 1,2 millóns de euros, e "agardamos que esta instalación estea lista para o Xacobeo 2010", segundo asegurou o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.
O rexedor dixo que "será un dos mellores e máis importantes albergues de todos os camiños, porque a Consellería de Innovación e Industria e Fernando Blanco saben que Ribadeo ten un grande potencial turístico que ainda está por descubrir. Este departamento xa nos apoio en iniciativas que levamos adiante hai uns meses con Feve poñendo en marcha ese paquete turístico que trouxo á nosa vila e a toda esta zona a centos de asturianos durante o mes de xuño; tamén nos axudaron coa edición dos folletos turísticos que fixemos de Ribadeo, Rinlo e Arante e coas obras que se están a realizar no casco vello".
O alcalde engadiu que "o casco vello é unha riqueza que hai que pola en valor". E lembrou que "o outro día máis de 30 turoperadores de todo o mundo puideron disfrutar da beleza de Ribadeo, da súa ría… algo moi bonito, pero ainda nos faltan cousas. Nós tomamos esto coma un reto e agardamos que a Corporación Municipal nos axude a impulsar todas as medidas que poñamos en marcha de cara ao Xacobeo de 2010 e para o PEPRI tamén, estou convencido de que así será".
E o Bispo de Mondoñedo, Manuel Sánchez Monge, avogou porque "a colaboración que vimos a manter desde hai tempo coa Xunta de Galicia continúe". Sobre o edificio que se vai rehabilitar o Bispo sinalou que "para a diócesis sempre foi un motivo de preocupación xa que se atopa nun estado cáseque ruinoso e había que buscar algún camiño, algunha saída para ese inmoble do século XVII".
Os traballos que se van desenvolver nese edificio, que conta cunha superficie duns 1.000 metros cadrados, permitirán compartir o espazo adicado a albergue e o uso da capela por parte do Bispado que podería destinarse a sala de exposicións ou de xuntanzas.
O Concello de Ribadeo acolleu esta mañá a sinatura dun convenio entre o Bispado de Mondoñedo, a Consellería de Industria e o propio Concello mediante o que a Igrexa lle cede á Xunta o edificio do antigo colexio das monxas que está ubicado en pleno casco vello ribadense para a súa conversión en albergue de peregrinos. Un acto ao que asistiron, o Bispo, Manuel Sánchez Monge; o conselleiro, Fernando Blanco e o rexedor, Fernando Suárez.

sábado, 13 de septiembre de 2008

20080913 Feira da horta

RIBADEO ACOLLE OS DÍAS 20 E 21 DE SETEMBRO A VI FEIRA DE PRODUCTOS DA HORTA.
Ribadeo, 12 de setembro de 2008. Ribadeo acolle os días 20 e 21 de setembro a VI Feira de Productos da Horta. Segundo explicou o alcalde, Fernando Suárez, "neste evento antes participaban Castropol e Ribadeo, pero a partires de agora será só Ribadeo. Con anterioridade a feira estaba financiada polo Leader que rematou e agora nós buscamos financiación na Consellería do Medio Rural para sufragar os 10.000 euros aproximadamente que ten de custe a feira".
O rexedor de Ribadeo asegura que se trata "dunha feira para poñer en valor os productos da horta, para poñer en valor o medio rural e para difundir estes productos de primeira calidade coa intención de que teñan un renome importante".
Entre as novidades figuran que "os participantes estarán vendendo os seus productos durante toda a fin de semana e non só os domingos pola mañá coma se facía nas anteriores edicións e haberá actividades nenos e maiores coma por exemplo unha exhibición de cociña en directo a cargo dun cociñeiro de renome, haberá concursos de cociña da horta, exhibición de arte en froitas…. Todo esto o sábado. E o domigo coma broche final haberá unha degustación popular con productos da horta que ceden os participantes e que serán preparados por restauradores de primeiro nivel. Os pratos serán servidos de xeito gratuito entre todo o público que se achegue a esa hora ao Parque de San Francisco", segue a contar Fernando Suárez.
O alcalde de Ribadeo di que "a pataca, a faba… contan con indicacións xeográficas protexidas o que está a amosar a importancia e a calidade dos productos e desde as administración debemos pular por darlles a máxima difusión posible. Eu convido a todos os veciños de Ribadeo, aos do resto da Mariña e tamén aos do Occidente asturiano a que se acheguen á nosa vila os días 20 e 21 de setembro a disfrutar desta importante cita".
Na VI Feira de Productos de Horta participan o Concello de Ribadeo, a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal, a Fundación Comarcal da Mariña Oriental e a asociación A Sucadoira.

viernes, 5 de septiembre de 2008

20080905 dietas

VICENTE CASTRO ASEGURA QUE FRANCISCO RIVAS GASTOU NO 2002 O DOBRE DO PRESUPOSTADO EN DIETAS ESTE ANO PARA O CONCELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE.
Ribadeo, 4 de setembro de 2008. O edil de Economía e voceiro do BNG no Concello de Ribadeo, Vicente Castro, compara hoxe os gastos en dietas dos dous últimos anos de Francisco Rivas, coma concelleiro de Medio Ambiente, cos realizados ata o momento polo actual responsable deste departamento. Castro asegura que "imos comparar os anos 2002 e 2003 de Francisco Rivas, cos anos 2007 e 2008 de Horacio Cupeiro. No ano 2002 o Sr.Rivas cobrou en dietas o dobre do presupostado neste 2008 para o concelleiro de Medio Ambiente, e no ano 2003 que tamén foi ano de eleccións coma o pasado para un período igual de medio ano Paco Rivas cobrou cáseque o triple do gastado por Cupeiro".
Segundo os datos que manexa Vicente Castro, no 2002 (ano completo) Francisco Rivas cobrou en concepto de dietas 4.473 euros e para este 2008 o concelleiro de Medio Ambiente ten presupostados 2.300 euros. E no ano 2003 (ano de eleccións) de xaneiro a maio Francisco Rivas percibiu en dietas 3.304 euros, namentras que no 2007 (tamén ano de eleccións) por outro medio ano, Horacio Cupeiro cobrou en dietas 1.300 euros.
Castro di que eses son os datos que están á vista do Sr.Rivas e de quen os queira comprobar. E ao respecto das dietas do alcalde e do resto da Corporación Municipal que tanto traen de cabeza ao Sr.Rivas e que segundo él están disfrazadas, teño que decir que con cargo a esa partida o Sr.Rivas cobrou en xaneiro deste ano por unha viaxe a Madrid e por anticipado gastos de kilometraxe que non fixo no seu vehículo xa que viaxou de acompañante dun coñecido promotor desta vila. Esa é a moral coa que o Sr.Rivas fala de dietas".

20080904 dietas

VICENTE CASTRO ASEGURA QUE FRANCISCO RIVAS GASTOU NO 2002 O DOBRE DO PRESUPOSTADO EN DIETAS ESTE ANO PARA O CONCELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE.
Ribadeo, 4 de setembro de 2008. O edil de Economía e voceiro do BNG no Concello de Ribadeo, Vicente Castro, compara hoxe os gastos en dietas dos dous últimos anos de Francisco Rivas, coma concelleiro de Medio Ambiente, cos realizados ata o momento polo actual responsable deste departamento. Castro asegura que "imos comparar os anos 2002 e 2003 de Francisco Rivas, cos anos 2007 e 2008 de Horacio Cupeiro. No ano 2002 o Sr.Rivas cobrou en dietas o dobre do presupostado neste 2008 para o concelleiro de Medio Ambiente, e no ano 2003 que tamén foi ano de eleccións coma o pasado para un período igual de medio ano Paco Rivas cobrou cáseque o triple do gastado por Cupeiro".
Segundo os datos que manexa Vicente Castro, no 2002 (ano completo) Francisco Rivas cobrou en concepto de dietas 4.473 euros e para este 2008 o concelleiro de Medio Ambiente ten presupostados 2.300 euros. E no ano 2003 (ano de eleccións) de xaneiro a maio Francisco Rivas percibiu en dietas 3.304 euros, namentras que no 2007 (tamén ano de eleccións) por outro medio ano, Horacio Cupeiro cobrou en dietas 1.300 euros.
Castro di "que eses son os datos que están á vista do Sr.Rivas e de quen os queira comprobar. E ao respecto das dietas do alcalde e do resto da Corporación Municipal que tanto traen de cabeza ao Sr.Rivas e que segundo él están disfrazadas, teño que decir que con cargo a esa partida o Sr.Rivas cobrou en xaneiro deste ano por unha viaxe a Madrid e por anticipado gastos de kilometraxe que non fixo no seu vehículo xa que viaxou de acompañante dun coñecido promotor desta vila. Esa é a moral coa que o Sr.Rivas fala de dietas".

jueves, 4 de septiembre de 2008

Nota

Non sei por que varias das anteriores entradas están cortadas. O caso é que borrei a información 'orixinal' e non podo corrixilas. Tentarei facelo mellor para que se vexa a nota enteira.

miércoles, 3 de septiembre de 2008

20080903 ascensor atalaia

AS OBRAS DO ASCENSOR DA ATALAIA NAS QUE COSTAS INVISTE 1,4 MILLÓNS DE EUROS TEÑEN UN PRAZO DE EXECUCIÓN DE 10 MESES.
Ribadeo, 3 de setembro de 2008. Onte comenzaron as obras de instalación do ascensor da Atalaia que acomete a Dirección General de Costas coa aportación íntegra de 1,4 millóns de euros e un prazo de execución de 10 meses. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que "a parte do que é a súa construcción que suporá a conexión da Atalaia co paseo marítimo e que estamos diante dunha infraestructura de índole bastante turística hai que destacar o engadido que trae consigo e que suporá a urbanización dunha zona moi importante de Ribadeo. Váise urbanizar o Calexón dos Perigos, a rúa Bispo Vérez e o entorno da Atalaia que estaba un tanto esquecido. Serán unhas obras que modificarán para ben a apariencia estética desa zona da nosa vila".
O rexedor engade que "será normal a partires de agora ver o movimento desas obras. Segundo Dragados que é a empresa que as realiza nalgún momento terán que cortar algún carril do paseo marítimo, pero eso será para máis adiante, porque agora están limpando o talude e despois chegará o replanteo e o resto de cuestións máis estructurais para proceder á instalación do ascensor. Téñolles que pedir disculpas aos veciños polas molestias que poidan ocasionar estas obras".

20080903 nenos saharahuis

O ALCALDE OFRECEU UNHA RECEPCIÓN AOS NENOS SAHARAUIS QUE PASARON O VERÁN CON FAMILIAS RIBADENSES.
Ribadeo, 3 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ofreceu esta mañá unha recepción no Concello aos nenos saharauis que pasaron o verán con familias ribadenses "que en moitos casos repiten ano tras ano con esta labor solidaria e de axuda a este pobo".
O rexedor di que "se trata dun pobo ocupado desde hai anos por Marrocos e pendentes das resolución das Nacións Unidas para que poidan ter o seu territorio propio, autónomo e dispoñer libremente en pé de igualdade. Mentras eso non sexa así o Frente Polisario desde hai moitos anos e con moitos concellos españois está a facer unha labor de intercambio ou de traer a nenos que nunca viron máis que tendas de campaña no medio dun deserto en Tinduf e ofrécelles a posibilidade de que poidan ver outra civilización, outro mundo…".
Fernando Suárez engade que "estes nenos estiveron aquí en Ribadeo varias semanas e puideron coñecer a noso Concello e a nosa comarca. Desde o Concello humildemente costeamos unha viaxe en tren a Viveiro para eles e para as súas familias e hoxe convidámolos a este acto, a esta recepción protocolaria no Concello na que lles desexamos boa viaxe de retorno e lles dixemos que Ribadeo os acollerá de novo cos brazos abertos en anos vindeiros".

martes, 2 de septiembre de 2008

20080901 circulación en Augas Santas

O ALCALDE DE RIBADEO ESTÁ SATISFEITO CO CAMBIO DE SINALIZACIÓN QUE SE PRODUCÍA ESTA FIN DE SEMANA NAS INMEDIACIÓNS DA PRAIA DAS CATEDRAIS. AGORA XA É POSIBLE CIRCULAR EN ÁMBOLOS DOUS SENTIDOS ENTRE REINANTE E ESE AREAL.
Ribadeo, 1 de setembro de 2008. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, alégrase do cambio de sinalización que se producía esta fin de semana nas inmediacións da praia das Catedrais, xa que agora é posible circular en ámbolos dous sentidos entre Reinante e ese areal. Suárez asegura que "é o resultado ao das xestións feitas tanto coa Deputación Provincial de Lugo como sobre todo coa Garda Civil a nivel provincial, dado que desde había un tempo desde o Concello conseguimos un aparcamento temporal para resolver o problema de estacionamento na praia das Catedrias, suxerimos que se prohibira aparcar nas beiras da estrada da costa xa que sería totalmente improcedente a prohibición de circulación nun dos sentidos, polo tanto poderíase circular nos dous sentidos e agora despois de que nos estimaron esta recomendación, a Garda Civil provincial víuno ben e o titular da vía, a Deputación Provincial de Lugo, estimou cambiar a sinalización ao final desta época estival".
O rexedor de Ribadeo engade que "ainda que sexa ao final da temporada de verán, polo menos podemos xa prever que para o ano que ven non vamos ter estes problemas que tivemos nos últimos anos. Pero eu como alcalde de Ribadeo e coa responsabilidade de ter na praia das Catedrais un doso maiores reclamos turísticos non só de Ribadeo, nin de toda a comarca senón de todo o país, estamos traballando agora, xa no remate da temporada estival, para facer un memorándum das cousas que deben estar melloradas e preparadas para a nova temporada, a do ano 2009".
Referente que excede a competencia municipal
Fernando Suárez considera que "a praia das Catedrais é un referente que xa excede moito a competencia municipal e é algo no que todas as administracións deben poñer ou su apoio e o seu grao de area porque é algo que si segue así pode chegar a morrer de éxito. Decíame un socorrista non hai moito tempo que nun dia de agosto nunha hora punta puido contar unhas 6.000 persoas que accedían a ese areal nun pequeno anaco de tempo. Esta masificación pode chegar a deteriorar este entorno, polo tanto hai que tomar medidas de tipo medio ambiental, turístico, desde Costas, desde o Ministerio de Medio Ambiente, desde a Xunta, desde a Deputación Provincial de Lugo, desde o punto de vista turístico e tamén para a ampliación do vial da costa, que leva tanto tempo demorada.Polo tanto eu como alcalde emprazarei nunhas datas próximas para preparar con calma o que vai ser a nova temporada das Catedrais para o ano que ven. Xa anuncio que convocarei en tempo n forma a representantes das tres administración: Estado, Xunta e Deputación".
Instalación dunha oficina de turismo
Desde o Concello "queremos estudiar a posibilidade de poñer unha oficina de turismo, ainda que sexa temporal, para dar informacion aos milleiros e milleiros de persoas que se achegan a ese areal para explicarlles as posibilidades desde o punto de visto xeolóxico, turístico, ambiental etc….. as virtudes que ten esa praia. É unha responsabilidade que excede a regulación do tráfico, é algo que debemos analizar entre todos, porque este areal non só é patrimonio dos ribadenses senón de todos os galegos".

2000901 Dietas e UPRi

O CONCELLEIRO DE ECONOMÍA AFIRMA QUE O VOCEIRO DA UPRI ESTÁ OBSESIONADO COAS DIETAS DO EQUIPO DE GOBERNO.
Ribadeo, 1 de setembro de 2008. O concelleiro de Economía e voceiro do BNG, Vicente Castro, considera que .
Castro lémbralle ao voceiro da UPRI que .
O edil de Economía engade que .

20080829 baldeo

-Nota recibida o martes 2/9/2008-
O CONCELLO BALDEARÁ E LIMPARÁ AS RÚAS PEATONAIS O VINDEIRO LUNS.
Ribadeo, 29 de agosto de 2008. O Concello de Ribadeo baldeará e limpará con rodillos as rúas peatonais. "Tarefas que se realizarán cun camión especial que nos cede de xeito gratuito a empresa Urbaser", explica Horacio Cupeiro, edil responsable de Medio Ambiente.
O concelleiro nacionalista tamén lles pide aos propietarios de cans que cumpran co bando do Concello sobre a recollida dos excrementos das súas mascotas, "xa que estamos a recibir moitas queixas sobre este comportamento. De seguiren así os propitarios con estas actuacións verémonos na obriga de sancionalos".
Horacio Cupeiro engade que "tamén quero aproveitar para pedirlle aos veciños que colaboren coa recollida selectiva e depositen o lixo en bolsas pechadas xa que os contedores non se poden estar lavando todos os días como é o caso dalgúns lugares onde día tras día temos que ir limpalos porque emiten un cheiro impresionante. Nós lavamos os contedores unha vez ao mes e algún, como digo, a diario, pero o Concello non dispón de persoal para poder realizar todos los días estes traballo. Algo que se solucionaría coa súa colaboración e como dicía si despositasen o lixo en bolsas pechadas".
 
Free counter and web stats